A Xunta da Galiza veta 'Nós Diario' na publicidade do macrofestival O Son do Camiño

O único xornal en galego está excluído da lista de case unha trintena de medios que figuran na estratexia do patrocinio de Turismo co festival.
O primeiro número de 'Nós Diario', na rotativa.

O portal de contratos públicos da Galiza publicaba onte o patrocinio publicitario para a promoción do turismo da Galiza a través do Festival O Son do Camiño 2023, o evento musical que decorrerá na capital galega do 15 ao 17 de xuño e que vendeu todas as entradas antes mesmo de se coñecer o cartaz. Este patrocinio da Axencia Turismo da Galiza, cuxa adxudicataria é a empresa promotora deste festival, Old Navy e Esmerarte UTE, ascende a un importe de 2.500.000 euros, IVE incluído. 

Entre os requisitos que figuran nese documento está o da difusión do festival e mesmo unha "estratexia de comunicación". Estratexia que abranguería edicións especiais en prensa e televisión, así como "insercións en prensa escrita [...] de materiais promocionais do festival onde conste como patrocinador principal a Xunta", "cuñas de radio" en diferentes emisoras, ou "contratación de báners publicitarios nas edicións online de medios galegos e estranxeiros e en diversas revistas dixitais especializadas".

En total, e no marco desta estratexia de promoción, a Axencia Turismo da Galiza cita polo seu nome case unha trintena de medios de comunicación, galegos e do resto do Estado. Mais este patrocinio público da Xunta da Galiza deixa fóra o único diario en papel en galego, unha decisión que se suma a outros vetos e exclusións por parte do Goberno galego cara a este medio de información no que respecta a axudas e apoios económicos para os medios de comunicación. 

Silencio

Nós Diario púxose en contacto na xornada de onte coa Axencia Turismo da Galiza —adxudicadora do patrocinio—, coa Secretaría Xeral de Medios da Xunta da Galiza, coa UTE —unión temporal de empresas— promotora do festival e co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ao fechamento da edición, non recibira comentario de ningunha delas sobre que criterios se seguiran para que este patrocinio con diñeiro público non incluíse o único diario en papel publicado en galego.

En mans da asesoría xurídica

O presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., Xoán Costa, indicou que o medio puxo en mans da asesoría xurídica este patrocinio para que o estude e ver se hai posibilidade de "denuncialo pola vía administrativa ou penal", non desbotando mesmo solicitar a súa "paralización" .

Costa lamenta unha "nova exclusión" por parte do Goberno galego a Nós Diario, desta vez a través dun patrocinio no que o criterio semella ser o de "todos menos Nós Diario". O presidente do Consello de Administración indica que esa exclusión non afecta só ao xornal en papel, senón tamén ao semanario Sermos Galiza e ao diario dixital nosdiario.gal; cando no contrato con Son do Camiño si que se citan outros semanarios e outros dixitais incluso de menor audiencia. 

Francisco González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas, manifestou onte en conversa con Nós Diario que "o normal" sería que se nun patrocinio deste tipo por parte da Administración pública se citan ducias de medios houbese explicacións se "falta" algún. En todo caso, apunta, "non ten moita lóxica" que o único xornal en papel que está redactado integramente en galego "quede á marxe" neste tipo de procedementos.

Outra voz que se pronunciou a este respecto foi a de Xavier Castro Martínez, avogado, músico e membro da directiva de Músicas ao Vivo. Castro, a título persoal, entende que "non é de recibo" que medios de comunicación "en galego e cun compromiso claro coa cultura do país" sexan situados pola Xunta da Galiza "fóra" da liña de axudas, como neste caso a través do patrocinio ao festival Son do Camiño.

A respecto deste evento, o integrante de Músicas ao Vivo lamenta que a Xunta da Galiza invista millóns de euros en patrocinios e axudas nun festival onde "a presenza da música feita aquí é marxinal". Así, Castro lembra que no programa deste ano só hai un 8% de presenza galega, e de centrármonos na que é en galego, a porcentaxe caería até 2%.

"Para ser un evento tan subvencionado pola Xunta, a presenza do que se fai na Galiza é residual, si que é algo que preocupa, non só nas bandas, senón tamén noutros festivais", apunta. 

Nacemento con polémica

O Son do Camiño naceu envolto en polémica. A súa primeira edición foi en 2018, unha proposta musical que a Xunta consideraba "de primeiro nivel" e no que ían estar The Killers, Franz Ferdinand, Lenny Kravitz e Jamiroquai como cabezas de cartaz. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a daquela directora de Turismo, Nava Castro, presentaban este evento como un foco de proxección internacional para a Galiza. Mais a sombra da sospeita de irregularidades pairou sobre este festival desde a súa presentación.

O PSdeG levara unha iniciativa ao Parlamento galego para esixir explicacións pola concesión "a dedo" do contrato de 3 millóns de euros para organizar o festival. Os socialistas acusaron a Xunta dun "basto subterfuxio para vestir de legalidade o que son prácticas escuras" para "garantir a exclusividade das empresas". Afirmaban que o Goberno galego "preocupouse de garantir o monopolio e exclusividade a unha UTE" sen "concurso público nin aberto". O BNG, pola súa parte, pedía explicacións de "por que se asinou un contrato por valor de case 3 millóns de euros sen concorrencia competitiva nin publicidade algunha”.

'Nós Diario', de novo, fóra das axudas á prensa do Goberno galego

M áis un ano, o Goberno galego exclúe Nós Diario da liña de axudas a empresas xornalísticas que editan diarios en papel. Sermos Galiza S.A., empresa editora do xornal, tivo coñecemento desta decisión na quinta feira a través dunha resolución da Secretaría Xeral de Medios. O motivo esgrimido para vetar Nós Diario, de igual maneira que en ocasións pasadas, é que "non se trata dun xornal impreso e distribuído diariamente" —sae publicado en papel de terza feira a sábado—. Porén, máis unha vez, Sermos Galiza S.A. insiste en que as bases reguladoras destas axudas dispoñen que están dirixidas á empresa xornalística que "edite e distribúa xornais diarios impresos en formato papel ou que difunda a súa actividade informativa diaria mediante xornais dixitais a través da internet na Comunidade Autónoma da Galiza", sen ofrecer definición ningunha do que é un diario.

Si menciona, pola contra, que as publicacións "deberán estar incluídas no informe do Estudo Xeral de Medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) ou no informe da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD)". Precisamente, a OXD, entidade de recoñecida solvencia que audita Nós Diario, define como diario "aquela publicación diaria impresa en papel que se edita, co mesmo título, formato e características peculiares e universalmente recoñecidas como tales, catro ou máis días por semana". Dado que Nós Diario está nas rúas cinco días á semana, si cumpre con este requisito. En 2022, a liña de axudas a empresas xornalísticas que editan diarios en papel ascendía a 1,255 millóns de euros.

Comentarios