O galego é, unha vez máis, residual no festival O Son do Camiño

Só 3 dos 50 grupos que forman o cartel do festival teñen cancións en lingua galega no seu repertorio.
Unha edición do Festival O Son do Camiño. (Imaxe: O Son do Camiño).
photo_camera Unha edición do Festival O Son do Camiño. (Imaxe: O Son do Camiño).

O festival de música O Son do Camiño, que conta con financiamento da Xunta da Galiza, vén de presentar o seu cartaz deste ano, que se celebrará os días 15, 16 e 17 de xuño no Monte do Gozo (Compostela).

As artistas galegas fican unha vez máis relegadas a un segundo plano cun protagonismo ínfimo, a pesar de tratarse dun evento con finanaciamento público a través do programa Xacobeo 2021-22. De feito, só 10 das 50 artistas que conforman o cartel da edición de 2023 son galegas.

Trataríanse de The Rapants, Groove Amigos, Michenlo, Xoel López, Fillas de Cassandra, Galician Army, Karras Martínez, Dani, Nano. e Bárbara Lago

Non obstante, destes 10 grupos, só tres teñen entre o seu repertorio temas en galego: The Rapants, Fillas de Cassandra e Galician Army. Ningún dos grupos galegos ocupan a cabeceira do cartel. 

Ademais, aproximadamente 32% dos grupos teñen mulleres entre os seus integrantes. É o caso de Nervo, Sila Lua, Toccororo ou a galega Bárbara Lago.

Artistas principais

O Son do Camiño presenta con pratos fortes nesta edición artistas como Bizarrap, Atl-J e Leiva (que encabezan o cartel da quinta feira 15 de xuño).

Tamén, na sexta feira 16 de xuño subirán ao escenario do Monte do Gozo Maluma, The Kooks e Wolfmother; e farán o mesmo o sábado 17 de xuño Aitana, Duki e os Kaiser Chiefs

 

 

Comentarios