A Xunta cedeu gratuitamente o Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén para xogos privados de combate

O Executivo galego recoñeceu, nunha resposta a preguntas do BNG rexistradas no Parlamento galego, a cesión das instalacións a entidades privadas para realizar xogos de combate con aire comprimido e bólas de pintura.

Alfonso Rueda nunha visita ao CILL de Toén en decembro de 2023. (Foto: Xunta da Galiza)
Alfonso Rueda nunha visita ao CILL de Toén en decembro de 2023. (Foto: Xunta da Galiza)

O deputado do BNG no Parlamento da Galiza Iago Tabarés vén de denunciar publicamente o uso "ilexítimo" das instalacións do Centro Integral para a Loita Contra os Lumes (CILL) de Toén (comarca de Ourense), destinado á formación de bombeiros forestais, tras recoñecer a Xunta da Galiza en resposta ás preguntas do grupo nacionalista, a cesión do CILL para a celebración de xogos de combate con aire comprimido e bólas de pintura, aínda evitando informar da identidade das entidades beneficiarias nin do número de ocasións nas que se cederon estas instalacións públicas, e en contra do que afirmara no seu día o Director Xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez Vázquez.

O CILL, inaugurado hai case dous anos, foi concibido como un espazo de referencia internacional na formación dos profesionais da extinción de incendios forestais. Para a súa posta en marcha investíronse máis de 4 millóns de euros de fondos comunitarios, dotándoo de infraestruturas para a práctica da condución de vehículos de extinción, adestramento físico e técnico.

Tal como sinalou o BNG nas preguntas remitidas á Xunta, no último acto de inauguración o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, indicou que o CILL “centralizará tanto a formación continua de bombeiros forestais como a instrución de novos profesionais neste eido” tanto nacionais, como internacionais; dispondo ademais dunha aula medioambiental para formar estudantes de toda a Galiza.

E tal como se informou á comisión sétima do Parlamento galego, na visita realizada ao centro a instancias do BNG, o espazo tamén servía puntualmente para adestramento da unidade da Policía española adscrita á comunidade autónoma da Galiza e da Policía Local, e, segundo a formación nacionalista, expresouse reiteramente que en ningún caso se realizaban prácticas de tiro posto que non existía espazo acondicionado a tal fin.

Tabarés manifestou que resulta "incomprensíbel" que un recurso público deseñado para a formación dos profesionais encargados da extinción dos incendios forestais sexa destinado para "outras actividades" privadas, sen que conste que se tomara ou exixira a adopción de medidas de ningún tipo para garantir a protección do espazo público ou o seu eventual deterioro

O deputado do BNG rematou sinalando e insistindo en nome da formación nacionalista que o CILL debe ser destinado "unicamente aos fins formativos e de servizo público que motivaron a súa creación", en lugar de abrirse a usos privados "incompatíbeis coa súa natureza".

Comentarios