A nova Lei de Igualdade non prevé en principio sancións por incumprila

Unha nova lei de igualdade, "pioneira" en palabras do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. O proxecto desta norma foi aprobado onte polo Consello do Goberno galego. Mais a lei, recoñeceu a propia conselleira de Traballo e Igualdade, non contemplaría sancións en caso de incumprimentos.
Reunión do Consello da Xunta desta quinta feira. (Foto: David Cabezón)
photo_camera Reunión do Consello da Xunta (Foto: David Cabezón)

O Goberno galego aprobou onte o proxecto da Lei galega de igualdade efectiva de homes e mulleres. Unha norma que consta de 194 artigos e que se elaborou nun proceso no que tomaron parte 52 entidades , que realizaron 200 achegas, segundo afirmou a conselleira de Traballo e Igualdade, María Jesús Lourenzá, que compareceu após o Consello da Xunta para explicar esta nova lei, que vén substituír as existentes, de 2004 e 2007. Para o presidente galego, a lei vai "garantir a igualdade de oportunidades" e vai ter o seu foco no campo laboral.

Lourenzá dixo que é unha norma pioneira que, entre outros aspectos, fai que a galega sexa a primeira Administración do Estado en lexislar a sustentabilidade laboral empresarial (SLE), concepto que manexa a propia ONU e que pasa porque as empresas "se adapten ao coidado dos seus traballadores e traballadoras". Flexibilidade horaria, teletraballo, dereito á desconexión dixital, conciliación... E iso, engadiu, desde unha perspectiva de xénero. Unha SLE que a Xunta quere que se implemente nas pequenas e medianas empresas da Galiza. A lei, apuntou a titular de Traballo, tamén aborda cuestións como o reforzo da protección das mulleres perante ataques sexistas no mundo dixital ou a aposta polo concepto de cidades seguras para as mulleres.

Porén, a preguntas da prensa, a conselleira recoñeceu que a lei, cuxo proxecto aprobou onte o Consello da Xunta, non contempla sancións, multas ou medidas punitivas en caso de que non se cumpran as disposicións estabelecidas na mesma, ficando así sen apartado sancionador que obrigue ao seu cumprimento. 

Non foi este o único proxecto de lei aprobado onte polo Goberno galego, que tamén deu luz verde a unha norma de Patrimonio para regular todo o elativo ás herdanzas que acaban recaendo na Xunta da Galiza.

Ademais, o Executivo remitiu ao Consello Consultivo o decreto de sanidade mortuoria, que,entre outras cuestións, vai facilitar os enterros realizados por ritos como o musulmán ou o xudeu; ou que reduce a 12 horas o prazo mínimo para enterrar unha persoa.

Axudas

O Consello da Xunta realizado onte, en plena campaña electoral, aprobou ao redor de 14,5 millóns de euros en axudas para diferentes sectores e colectivos. Unha cifra a sumar aos 115 millóns en axudas e convenios que se aprobaron no Consello anterior. Nesta ocasión, Alfonso Rueda anunciou que se ampliaban en 2,8 millóns de euros os fondos destinados ao bono de aluguer social, do que se benefician persoas en situación de vulnerabilidade —vítimas de violencia de xénero, persoas desafiuzadas...—. 

Tamén informou Alfonso Rueda de que se ían destinar 7,3 millóns a concellos, clubs e asociacións para obras en instalacións deportivas; así como dos case catro millóns para autónomos e Pemes para o impulso de proxectos en innovación.

 Por último, informou de que a Xunta da Galiza asumía 100% dos custos do transporte escolar adaptado, usado por 430 alumnos e alumnas.

Comentarios