O goberno galego adiantou o pagamento da paga extraordinaria que recortou en 2012 e 2013 ao seu cadro de persoal. Faráo na nómina de agosto e suporá 630 euros máis para as 100 mil persoas que traballan para o executivo.
A CIG denuncia "electoralismo" na medida e lembra que se trata dunha obriga xudicial
A Xunta atribúe o adianto a unha mudanza legal e a evitar a duplicidade de trámites se as pagas se retribuían por separado --en agosto e setembro. Porén, o adianto permítelle ao executivo sacar peito un mes antes das eleccións polo que a CIG denunciou o seu "electoralismo".
Así mesmo, desde a central sindical nacionalista lembran que a devolución das pagas extraordinarias responde a diversas sentenzas xudiciais, a última en abril deste ano, que declararon ilegal o recorte levado a cabo polo goberno de Alberto Núñez Feijóo con carácter retroactivo. De facto, o executivo sinalou inicialmente a respeito da de 2012 que non acataría a decisión xudicial até se pronunciar ao respeito o Tribunal Constitucional.