A CIG suma máis unha sentenza favorábel ao persoal público da Xunta após o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) resolver de maneira favorábel á central sindical o recurso presentado polo goberno de Galiza a unha sentenza anterior na que declaraba ilegal o recorte da paga extraordinaria ao persoal público correspondente ao ano 2013.
A Xunta aplicou con carácter retroactivo o recorte facéndoo extensíbel aos meses de xaneiro e marzo
No concreto, coida contraria a dereito a decisión de aplicar con carácter retroactivo o devandito recorte pois, embora a orde terse publicado en marzo, fóronlles recortados tamén os meses de xaneiro e febreiro. Cuestión que xa sinalaba en primeira instancia o Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Vigo.
"A CIG esixe unha vez máis da Administración Autonómica o compromiso de pagamento a todo o seu persoal desa parte proporcional da paga extra do 2013, unha vez que o Tribunal Superior confirma un dereito que xa viña sendo recoñecido polos diferentes tribunais do contencioso", sinala a central sindical nacionalista nun comunicado de imprensa.
"No caso de que a Xunta siga a facer ouvidos xordos ás resolucións xudiciais poderemos confirmar que a Xunta despreza absolutamente o seu persoal e o obriga a ir persoalmente aos tribunais de xustiza para gañar individualmente, aínda que teña custas para a Xunta", advirten, "o compromiso da CIG manterase en estender todo o posíbel os xa máis de 1.000 recursos presentados tanto en vía administrativa como xudicial contra o recorte da paga extra".