Non participará nas conversas co PSOE

Xulio Ferreiro entra a facer parte da coordenadora da Marea Atlántica

É unha retirada a medias. Si do campo da política institucional, non da orgánica. Xulio Ferreiro, que esta semana anunciou o seu abandono do concello, incorpórase á Coordenadora da Marea Atlántica, nun momento en que a confluencia afronta a negociación co PSOE con dúbidas sobre se a formación mareante ten ou non na mente un goberno de coalición.

Xulio Ferreiro
photo_camera Xulio Ferreiro

A decisión sobre o que facer no concello da Coruña vaina tomar a Marea Atlántica o próximo 6 de xuño, nunha reunión da súa asemblea de militantes, un órgano que se denomina A Rede.

O debate básico sobre a mesa non é tanto se investir ou non Inés Rey como nova alcaldesa, ninguén dubida diso, senón sobre o xeito en que se debe articular o pacto co PSdeG, isto é, se o acordo debe cinxirse a un pacto para a investidura ou debe adoptar a forma dun goberno de coalición.

Os votos de Marea Atlántica (6 concelleiras) son necesarios para a investidura, dado que o PSdeG non é a primeira forza da corporación (ten o mesmo número de asentos en María Pita que o PP, mais 399 sufraxios menos). En ausencia de maioría absoluta en primeira ou segunda votación, a lexislación prescribe que sexa proclamado alcalde ou alcaldesa o número un da candidatura máis votada (neste caso sería Bea Mato). Daí que todo indica que a Marea fará valer o carácter decisivo da súa presenza no salón de plenos, como se desprende dun comunicado da confluencia emitido onte en que se consigna que os resultados do 26M, aínda tidos como maos pola formación liderada por Xulio Ferreiro, converten a  mareante nunha "forza política clave na gobernabilidade da Coruña para os próximos catro anos".

Ferreiro estará na coordenadora da Marea, órgano executivo composto por 17 membros, mais el propio deixou claro esta cuarta feira que non lle vía sentido a participar nas conversas que a confluencia vai manter co grupo municipal socialista.

O protagonismo na negociación previsibelmente vai recaír na figura de Iago Martínez, xefe de gabinete de Ferreiro en funcións, concelleiro electo e dirixente de maior peso político da organización.

Comentarios