venres 30/10/20

O xuízo pola 'Operación Jaro' comezará o 19 de outubro na Audiencia Nacional

A Audiencia Nacional vén de fixar para o día 19 de outubro o inicio do xuízo contra unha ducia de militantes independentistas galegos encausados na denominada 'Operación Jaro', da que tamén depende o futuro das organizacións Causa Galiza e Ceivar. 
Operación Jaro Causa Galiza
Operación Jaro Causa Galiza

Están acusadas de "pertenza a organización criminal para a comisión de delitos de enaltecemento do terrorismo" polas que a Fiscalía pide penas de 102 anos e multas por valor de 358.000 euros. As penas individuais oscilan entre os 4 e 12 anos de cárcere.

Ao longo de tres sesións, unha trintena de axentes policiais declararán perante o tribunal.

Foi en outubro de 2015 cando comezou a operación policial, ordeada desde a Audiencia Nacional, coa detención de militantes independentistas e a ilegalización de facto de Causa Galiza, ao suspender de forma temporal a súa actividade, posteriormente restituída.

O operativo desenvolveuse en diferentes pontos da Galiza (Compostela, Vigo, Boiro, Muros...) para deter nove militantes de Causa Galiza baixo unha serie de graves acusacións.

Como denuncian distintas organizacións, este procedemento xudicial podería supor, ademais das penas de cadea para as persoas axuizadas, a disolución da organización política Causa Galiza e da plataforma social Ceivar, no que está a ser cualificado como un "xuízo político" dirixido a acabar cun proxecto politico pola vía xudicial que adoece de "dubidosa calidade democrática".

Voces de distintos ámbitos téñense posicionado en solidariedade coas persoas procesadas nesta operación.

comentarios