Un total de 102 anos de prisión para as 12 militantes de Causa Galiza e Ceivar imputadas a raíz da Operación Jaro I e Operación Jaro II. Eis a petición da Fiscalía, segundo a organización independentista, que lles imputa agora “pertença a organizaçom criminosa para a comissom de delitos de enaltecimento do terrorismo". As penas oscilaan entre os 4 e 12 anos de cárcere
Unha demanda que, afirman, · supón “um grave salto qualitativo na persecuçom do independentismo políticamente organizado e coloca Causa Galiza e Ceivar perante a perspectiva possível da dissoluçom por ordem judicial, o encarceramento de 12 militantes e a liquidaçom do independentismo políticamente organizado”.
Nunha primeira valoración de urxencia, Causa Galiza critica que "o Governo espanhol em funçons decanta-se por aplicar altos níveis de repressom a organizaçons independentistas cuja praxe política se enquadra dentro da legalidade". Sinalan, aliás, que "a solidariedade, a denúncia e a superaçom dos cálculos estreitos por parte dos agentes políticos, sindicais e sociais da naçom som neste momento imprescindíveis".
"Salto cualitativo na represión"
Desde o entorno de persoas imputadas nesta causa manifestouse a Sermos Galiza que o xuízo podería caer a mediados do vindeiro ano, 2020. Enmarcan a petición da Fiscalía nunha "ofensiva de criminalización do independentismo", para o que a Audiencia Nacional, din, dá "un salto cualitativo" polo que introduce "novos delitos" que poden implicar para as persoas acusadas penas de entre 4 e 10 anos de cárcere, para alén, afirman, de "disolver Causa Galiza e Ceivar".
Paso atrás
A decisión causa sorpresa e estupor en círculos independentistas, máxime cando o pasado mes de xullo a Audiencia Nacional retiraba acusación de “pertenza a banda armada” contra os 9 independentistas detidos na 'Operación Jaro'.
"Quando todo apontava à deconstruçom progressiva da montagem, com a devoluçom à Causa Galiza da condiçom de formaçom política legal, a retirada das imputaçons de "pertença a organizaçom terrorista" a 9 militantes, etc., o tribunal sucessor do TOP franquista introduz novos tipos delitivos na reta final do processo", indican desde a organización independentista.
Jaro
A finais de outubro de 2015 un xigantesco e chamativo operativo da Garda Civil desenvolveuse en diferentes pontos da Galiza (Compostela, Vigo, Boiro, Muros...) para deter 9 militantes de Causa Galiza baixo unha serie de graves acusacións que podían implicar para as persoas detidas un importante número de anos en prisión. Nun primeiro momento, a AN mesmo decretou a suspensión temporal de Causa Galiza.