Catalunya

A xustiza belga investiga a espionaxe na Plataforma per la Llengua con 'Pegasus' e 'Predator'

Unha peritaxe de varios teléfonos móbiles de membros da executiva demostrou o uso de 'Pegasus' e máis programas de espionaxe. Nalgúns casos a análise identificou o número de teléfono que os atacaba, de orixe española.
Rolda de prensa de Plataforma per la Llengua. (Foto: VilaWeb)
photo_camera Rolda de prensa de Plataforma per la Llengua. (Foto: VilaWeb)

Unha peritaxe informática dos teléfonos móbiles de cinco membros da executiva da Plataforma per la Llengua de Catalunya realizada o pasado outono demostrou que foran infectados con software de espionaxe. A análise determinou que en todos os teléfonos examinados había indicios de Pegasus e de Predator, outro programa informático de espionaxe, que permitiu aos atacantes acceder a datos e documentación persoal dos espiados, e a canles de comunicación como correos electrónicos ou de mensaxería instantánea. Nun caso, ademais, a peritaxe chegou a identificar o móbil español responsábel dos ataques.

Tendo en conta que estes software só poden ser comprados polos estados, a Plataforma per la Llengua decidiu levar o caso á xustiza belga, onde residían algúns dos espiados e onde está constituída unha asociación irmá desta entidade, coa vontade conseguir unha investigación independente fóra do Estado español. Así o fixeron público esta quinta feira Òscar Escuder e Rut Carandell , presidente e directora da entidade, acompañados por Josep Jover, avogado especialista en dereito da Unión Europea e as TIC. Tamén traballou na querela a avogada belga Catherine Forget, que non puido participar na conferencia de prensa por problemas técnicos

"Temos dous estados en contra do catalán, e polo menos un deles en contra da ONG do catalán. Temos probas de que España espiounos a algúns de nós. É inadmisíbel que se nos espíe sen motivo ningún, como non hai", dixo Escuder. El e mais Carandell son dous dos espiados, pero non quixeron facer pública a identidade dos outros tres. Non descartan que haxa máis teléfonos infectados, porque só pagaron a peritaxe de cinco teléfonos e nos cinco atoparon rastros dos software espía.

Segundo dixo Jover, hai rastros de espionaxe desde 2021 e que chegan até o verán de 2022, cando encargan as peritaxes. "Facíanos sospeitar que notabamos cousas estrañas no teléfono. Tendo en conta o contexto do Estado e como funcionan as cousas, encargamos a peritaxe", dixo Escuder. Dos cinco teléfonos móbiles espiados hai un iPhone e catro que funcionan con Android. Un dos últimos, da marca Oppo, ten unha personalización de Android que o fai diferente, o que permitiu que quede rexistrado o número de teléfono utilizado para infectar.

Non houbo coordinación cos exiliados

A xustiza belga xa admitiu a trámite a querela penal da Plataforma per la Llengua, que apunta directamente a España e responsabilízaa da espionaxe a membros da executiva. Segundo dixo Escuder, a entidade espera que a investigación sirva para obrigar o Estado español a identificar os responsábeis da espionaxe e para aclarar se sorteou os procedementos legais marcados para intervir teléfonos noutros estados da Unión Europea.

Así pois, a policía xudicial belga pedirá ás autoridades policiais e xudiciais españolas que identifiquen os responsábeis do móbil que infectou aos teléfonos, segundo os ditames periciais, e comunicarao ao xulgado de instrución de primeira instancia francófono de Bruxelas, que é onde se abriu a investigación. A Plataforma per la Llengua denunciou que o Estado cometeu seis delitos segundo a legalidade belga: a intromisión no sistema informático dos teléfonos móbiles, a inxerencia arbitraria nas liberdades fundamentais dos espiados, a intercepción de mensaxes dos móbiles e a violación dos datos informáticos, o secreto das comunicacións e o secreto das comunicacións, en particular, electrónicas.

Aliás, a entidade pediu ao xulgado que solicite a Eurojust, a axencia da Unión Europea encargada do reforzo da cooperación xudicial, se o Estado español tramitou as solicitudes necesarias de escoita dos teléfonos en territorio belga.

Jover destacou a discreción coa que levaron o caso coa vontade de que os autores da espionaxe non borrasen máis rastro da espionaxe. Debido a isto, dixo, non houbo ningunha coordinación cos políticos exiliados que tamén foron espiados nin cos seus avogados . "Foi un esforzo adicional non enlazarse con ningún avogado que trouxese cuestións de espionaxe", dixo.

Comentarios