18-F

Vox presentarase nas catro circunscricións galegas

"Presentámonos ás eleccións coa certeza de saber que Vox demostrou que é a única oposición ás políticas do Goberno de Sánchez, algunhas delas compradas polo Partido Popular", reivindica a ultradereita.
Álvaro Díaz Mella, candidato de Vox á Presidencia da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Álvaro Díaz Mella, candidato de Vox á Presidencia da Xunta. (Foto: Europa Press)

Vox vén de rexistrar as catro candidaturas ás eleccións galegas do 18 de febreiro polas catro circunscricións, tal e como veñen de informar fontes da formación ultraespañolista citadas pola axencia Europa Press. O cabeza de lista por Pontevedra, Álvaro Díaz-Mella, é o elixido polo partido como aspirante á Xunta, mentres que as restantes cabezas de lista son os presidentes provinciais de Vox pola Coruña, Ourense e Lugo: Manuel Fontes Lamas, María Jesús Fernández e Sonia Teixeiro, respectivamente.

Pola súa parte, o secretario xeral de Vox, Ignacio Garriga, reivindicou esta segunda feira que se presenta ás eleccións da Galiza con "dous claros obxectivos": "Marcar a diferenza" e "ser claves para protagonizar o cambio político que merecen os galegos".

"Presentámonos ás eleccións coa certeza de saber que Vox demostrou que é a única oposición ás políticas do Goberno de [Pedro] Sánchez, algunhas delas compradas polo Partido Popular, e conscientes da necesidade de que estea no Parlamento da Galiza, porque alí onde estamos é onde observamos cambios nas políticas que nin uns nin outros quixeron liderar nos últimos 40 anos", sinalou.

Neste sentido, o secretario xeral de Vox defendeu que "Galiza merece un goberno autonómico que cambie as cousas" e "non quede en lamentos, sen facer nada". Para iso, ratificou que Vox concorre nas catro circunscricións galegas con catro candidatos que coñecen "á perfección" a realidade do país.

Garriga reivindicou a extrema dereita como "imprescindíbel", sobre todo nun momento no que "[Alberto Núñez] Feixoo e o PP están instalados en repetir os erros de sempre". "Xénova elixe mal o inimigo", salientou, após precisar que, "como fixo nas pasadas eleccións xerais, está "máis preocupado en demonizar e criminalizar a Vox que en sinalar aos responsábeis de crebar o ordenamento constitucional".

Comentarios