Villares cifra en por volta de 150 as candidaturas que En Marea presentará ás municipais

O partido instrumental aspira a estar representado en perto da metade dos concellos do país, avanzou este domingo Luís Villares. A idea é que as agrupacións locais podan comparecer nas municipais de maio unificadas baixo a marca común de En Marea, co obxectivo de obter así escanos en todas as deputacións provinciais.

luis villares parlamento
photo_camera Villares, no escano. Canda el Antón Sánchez

En 2015 a confluencia ficou sen presenza nas corporacións provinciais de Lugar e Ourense. Evitar a repetición deste escenario é un dos factores que leva á dirección de En Marea a postular candidaturas baixo unha mesma marca no maior número de concellos posíbeis.

En cantos? Nunha entrevista este domingo na Radio Galega Luís Villares puxo o listón en por volta de 150 concellos, unha cifra que duplicaría os rexistos acadados pola confluencia en 2015.

A intención de Villares bate con dous atrancos. O primeiro, a decisión de Podemos de ir ás municipais cunha marca que inclúa o seu nome —salvo nos concellos urbanos con alcaldías rupturistas—. O segundo, a propia situación interna de En Marea, á beira do cisma, desde o momento en que o bloque crítico —Anova, Esquerda Unida e Podemos— non recoñece a lexitimidade da vitoria de Villares nas recentes primarias.

O debate sobre os orzamentos

Na entrevista, o portavoz orgánico e parlamentar do partido instrumental enfatiza que En Marea ten liberdade de voto e que eventualmente podería rexeitar os orzamentos do estado aínda que estes fosen finalmente apoiados por Podemos. En función dos acordos que posibilitaron a súa integración no grupo confederal, remarca Villares, a confluencia galega tería dereito "a establecer a súa propia disciplina de voto e o seu propio sentido de voto distinto do grupo confederal".

Comentarios