A plataforma bota a andar

Vía Galega prepara unha "carta de dereitos do pobo galego" para o centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo

Representantes de perto de medio cento de colectivos reuníronse na mañá do sábado en Santiago de Compostela para poñer en marcha Vía Galega, plataforma social para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza, que xa ten un amplo calendario de actos e actividades para este 2018. 

Vía galega

Baixo a denominación Vía Galega, Plataforma social para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza encetou a súa posta en funcionamento esta rede de fundacións e colectivos de diversos ámbitos que traballan coa vista posta en dous obxectivos principais: o recoñecemento de Galiza como nación e o recoñecemento do dereito de autodeterminación.

“Todas as persoas que representamos colectivos dentro da plataforma estabamos de acordo en que debiamos procurar non xerar moitas expectativas no sentido de non abarcar moitas reivindicacións, de aí que Vía Galega estea moi centrada en traballar con esas dúas ideas –o recoñecemento de Galiza como nación e do dereito de autodeterminación– á hora de crear conciencia no noso pobo e á hora de aparecer ante calquera tipo de institución ou instancia como defensora desas reivindicacións”, afirma, en declaracións a Sermos Galiza, Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras, ao saír da reunión que tivo lugar na mañá do sábado, día 20, en Compostela.

Nesta primeira gran cimeira, que decorreu nun ambiente de cooperación e consenso, aprobouse a denominación definitiva, Vía Galega, Plataforma social para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza, e acordouse un amplo calendario de actividades que darán comezo o 3 de marzo coa presentación pública en Compostela. “O lugar está pendente, mais imos procurar que sexa no centro social de Conxo, pois coincide cos 162 anos do Banquete”. Aliás, recolléronse ideas para a elaboración da imaxe gráfica da entidade; acordouse legalizar a plataforma como asociación cívica e editar o manifesto onde se recollen as motivacións e obxectivos da entidade.

Coa vista posta en novembro

eadc239d-1081-49d3-9473-93ebc6c21e34Por outra banda, na reunión da mañá do sábado, as persoas presentes acordaron que se redactará unha Carta de dereitos do pobo galego, cuxa aprobación e presentación decorrería nunha asemblea nacional o 17 ou 18 de novembro en Lugo, coincidindo cos 100 anos da Asemblea Nacionalista e da aprobación do Manifesto, un acto que remataría cunha gran mobilización nacional.

A maiores aprobouse constituír una Coordinadora onde inicialmente estarán as sete fundacións do movemento do soberanismo que impulsaron a plataformaArtábria, Alexandre Bóveda, Galiza Sempre, Manuel María, Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Vía Galego, e o campo sindical, tanto operario como rural, o campo estudantil, o cultural e o da solidariedade internacional. Ficaría pendente de cubrir, indica Seixo, a representación do campo da música tradicional, do deporte, do ecoloxismo e dos centros sociais, pois van acordar a persoa ou persoas os colectivos deste ámbito que fan parte da coordinadora. Serán funcións deste órgano, “executar e facer seguimento dos acordos que toma o plenario”. Porén, o da plataforma “é un proceso que se mantén aberto á incorporación de novas entidades, que asumindo os dous principios básicos, poderán integrarse na Coordinadora e no Plenario”.

A partir do acto público do 3 de marzo en Compostela, terían lugar, entre ese mesmo mes e abril, presentacións nas sete cidades e en todas as vilas en que sexa posíbel.

“Non pretendemos ocupar o espazo das entidades que conforman a plataforma nin das entidades políticas, mais se houbese calquera feito de carácter político que agredise os nosos dereitos como país, evidentemente, responderiamos a ese feito con independencia dos actos e actividades previstas”, engade Seixo, quen asegura que Vía Galega “terá moito percorrido”.

 

A posta en marcha de Vía Galega vén motivada pola propia situación socio económica do país, marcada pola destrución dos sectores produtivos, a falta de emprego para a mocidade que se ve forzada a emigrar, a perda do sector financeiro, o espolio dos recursos naturais, as políticas industriais de corte colonialista, os recortes nos servizos públicos, etc. Unha realidade, salienta a plataforma, que hai que vincular a ausencia de soberanía e a falta de capacidade de decisión.

 

Nesta liña, Vía Galega busca que Galiza non fique marxinada do debate territorial que se poida dar, senón que actúe como un suxeito visíbel. "Queremos aglutinar a sociedade arredor desta realidade e que Galiza teña presenza plena nese posíbel debate", aseguran desde a plataforma.

Participantes

Participaron da reunión da mañá do sábado Fundación Galiza Sempre, Centro Social Gomes Gaioso, Asociación Cultural Roxín Roxal, Asociación de Veciños/as Agra do Orzán, Fundación Manuel María, Asociación Cultural e Musical Solfa, Asociación de Emigrantes Retornados Marusía, Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Organización Galega de Montes Veciñais en Mancomún, FRUGA, AS-PG, Asociación Cultural Lúa Chea, CIG, Mar de Lumes, Sociedade Cultural Medulio, AJA Galiza José Afonso, Asociación Cultural O Galo, Asociación Cultural Centáuria, Asociación Cultural O Castro, Fundación Terra e Tempo, Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Ernesto Guerra da Cal, Fundación Moncho Reboiras, Asociación Cultural Auriense, ERGUER, Asociación pola Protección Animal Aveiro, Fundación Artabria, Sociedade Cultural e Deportiva do Condado, Sociedade Cultural e Deportiva Minas de Salvarosa Asociación Cultural Cultura do País. Aliás, outros colectivos enviaron a súa adhesión.

Comentarios