Iván Castro, candidato á Secretaría Xeral do PSdeG de Lugo: "Véxome como secretario xeral, senón non me presentaría ás primarias"
—Cales son as razóns que o levaron a presentar a súa candidatura á Secretaría Xeral do PSdeG en Lugo?
A razón fundamental é a sensación xeneralizada entre a militancia de que hai tempo que na provincia de Lugo imos perdendo forza, perdendo conexión coa cidadanía e coa militancia. E se non pomos en marcha un revulsivo, despois será tarde. Necesitamos reactivar a ilusión da militancia e as agrupacións.
—Que ofrece a súa candidatura fronte á de Tomé?
A renovación non só é de persoas, que tamén, é de formas de facer a política e de achegarse á militancia e á cidadanía. Necesitamos un impulso forte para recuperar o terreo que estamos perdendo desde hai uns anos e para iso é clave o traballo orgánico e ter presenza no territorio. Hai que estar para resolver os problemas onde os hai. Por exemplo, recentemente sufrimos dúas mocións de censura, hai varias alcaldías nas que podíamos estar cogobernando e desde logo, a mediación do PSdeG a nivel provincial é clave para reverter esas situacións, porque levamos anos vivindo de forma colectiva o éxito das municipais, onde é fundamental o traballo que fan os compañeiros e as compañeiras nos seus concellos, porén, cando hai fracasos achácanselles sempre ás agrupacións municipais e iso non é xusto.
—Vese como secretario xeral dos socialistas en Lugo?
Véxome como secretario xeral, senón non me presentaría ás primarias, pero entendo que é un proxecto colectivo, non dunha persoa, por iso vou acompañado dun equipo moi transversal, con xente nova moi preparada que reivindica un partido máis aberto e plural e tamén con compañeiros con moita experiencia e capacidade demostrada.
—Con que perspectivas parte para as eleccións municipais de 2027?
Os obxectivos son claros. Rearmar o partido, apoiar as agrupacións e estar máis perto dos compañeiros e das compañeiras para recuperar a forza do partido en Lugo. Ten que haber un traballo continuado, que permita encarar as próximas eleccións con tempo para que os votantes confíen no PSdeG e para iso temos que ter candidatos con tempo. Temos que dar soporte aos compañeiros que están gobernando, pero sobre todo aos que están na oposición, porque carecen de medios e de recursos humanos. Presentámonos cun único compromiso, traballo. Un traballo continuado, con moito diálogo e presenza no territorio.
—Que opinión lle merece o proxecto de Altri na Ulloa?
A nosa posición é clara. Apostamos por un modelo industrial baseado no desenvolvemento do noso potente sector primario, do mar, do agro, da gandaría e dun sector forestal sostíbel. Entendemos que industrias como a celulosa, ademais de pór en perigo o equilibrio forestal, destrúen máis do que aportan ao noso país.
