Vence clausura a XII asemblea da ALE cunha reivindicación do dereito a decidir

A XII Asemblea da ALE finalizou cun chamado a defender o dereito das nacións sen estado a decidir como "dereito democrático", nas eleccións europeas. "Non pode ser negado por ningún demócrata europeo", suliñou o portavoz nacional do BNG.

ALE
photo_camera [Imaxe: Xan Muras]

A Alianza Libre Europea (ALE) deu por concluída este sábado en Compostela a súa XII Asemblea. Baixo o lema It's time for self-determination (Tempo de autodeterminación) 40 organizacións debateron arredor do novo período aberto en Europa polas nacións sen estado que como Escocia e Catalunya, loitan por se autodeterminaren. 

A cerimonia de clausura que encerrou a cimeira, contou coas intervencións da candidata ao Parlamento europeo polo BNG, Ana Miranda, o eurodeputado da coligación Europa dos pobos e integrante de Aralar, Iñaki Irazabalbeitia, o secretario xeral de ERC, Jordi Solé e o portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, en calidade de anfitrión. 

Nun Auditorio ateigado pol@s participantes na Asemblea, o líder do BNG instou a mudar as regras e as políticas @s responsábeis de cada nación "se queremos recuperar o benestar das maiorías sociais".

O "estímulo" de Escocia e Catalunya

Xavier Vence, asegurou que cada territorio debe avanzar "cara a soberanía" nacional "co ritmo que marque a cidadanía" de cada país mais co dereito de autodeterminación no albo, un dereito dixo, "que non pode ser negado por ningún demócrata europeo" pois é, recalcou, "un dereito democrático".

O líder do BNG, que se dirixiu en diversas ocasións ao longo do discurso aos Estados metrópole como "negacionistas" dun dereito fundamental, reclamou "maiores cotas de autogoberno" para mudar as politicas económicas e garantir o mantemento dos servizos sociais. "Para iso queremos a soberanía", remarcou. Neste senso, Vence salientou os "exemplos de Escocia e Catalunya" como "estímulo" para as demais nacións que, como Galiza, procuran un futuro digno para os seus pobos. 

A cerimonia de clausura contou coa participación do deputado do Bloque no Parlamento galego, Cosme Pombo, quen interpretou coa gaita o Himno do Antigo Reino acompañado por un gaiteiro bretón. 

Comentarios