Vence asegura que o BNG fará candidaturas “nacionalistas, en clave de país”

O voceiro do Bloque reafirma a decisión de non pactar con forzas estatais e cualifica de “interesantes” as Mareas, pero di “non crer en iniciativas cantonalistas ou municipais só”.

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

Xavier Vence, voceiro nacional do Bloque Nacionalista Galego, concedeu unha entrevista á Radio Galega na que explicou que a forza á que pertence cre, cara ás municipais de maio de 2015, que "ten que haber un proxecto de base nacionalista, que pode incorporar a persoas que non sexan necesariamente nacionalistas, pero que non pode supeditarse á estratexia de ningún tipo de forza de carácter estatal".

"Os alcaldes do BNG comparten a necesidade dunha alternativa nacionalista e progresista", dixo o voceiro do BNG sobre 'Somos Maioría'

O dirixente nacionalista cualificou como "interesante" o movemento que se dá en chamar Mareas, pero remarcou en que a súa formación pensa en candidaturas cun perfil nacionalista. "Imos facer un tipo de candidatura cun perfil claramente nacionalista, en clave de país no seu conxunto. Non cremos nas virtudes de iniciativas cantonalistas ou municipais só. Todo o que se faga debe ser en clave de país", sinalou.

Vence engadiu, en referencia ao manifesto Somos Maioría, que “os alcaldes do BNG comparten a necesidade dunha alternativa nacionalista e progresista e todos queremos candidaturas o máis amplas e plurais posibles para que poidan ser unha alternativa de goberno en todo o país, hai plena sintonía niso”. Así mesmo, lembrou que o Bloque comezará este mes a convocar asembleas abertas para sondexar a cidadanía cara aos comicios locais.

Por último, Vence chamou "atentado á democracia" á iniciativa do PP para reducir deputad@s no Parlamento ou para cambiar a lei electoral das municipais para premiar á lista máis votada, por riba das maiorías ideolóxicas.

Beiras
Sobre esta polémica iniciativa do PP tamén falou na Cadena Ser Xosé Manuel Beiras, líder de AGE, que a definiu como “cargarse a Constitución” e reclamou a creación de “frontes amplas” para derrotar ao PP.

Comentarios