Vigo

A Valedora do Pobo abre expediente pola ocultación do expediente municipal do reequilibrio de Vitrasa

"O Goberno de Caballero repite o mesmo guión que cando tentou ocultar a documentación do escándalo do frustrado patrocinio publicitario do concerto de Guns N'Roses", afirma Xabier Pérez Igrexas, do BNG.
Manifestación do persoal de Vitrasa no mes de decembro (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera Manifestación do persoal de Vitrasa o pasado mes de decembro. (Foto: Pedro Davila / Europa Press).

A oficina da Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, vén de resolver a apertura dun expediente e o inicio de actuacións diante do Concello de Vigo pola queixa formulada desde o grupo municipal do BNG ante a denegación por parte do Goberno municipal do acceso ao expediente do reequilibrio económico da concesión de autobús urbano da cidade.

O pasado 11 de decembro, a través dunha resolución asinada polo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, o Executivo local denegaba o acceso ao referido expediente, que fora solicitado formalmente pola formación nacionalista en data de 30 de novembro. Na resolución, que foi tamén impugnada a través dun recurso de reposición polo BNG, o Goberno local ditaba que se daría acceso ao expediente municipal "no momento no que se acheguen ao expediente os informes solicitados e preceptivos, para a resolución do expediente".

Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, o Goberno de Caballero "repite o mesmo guión que cando tentou ocultar a documentación do escándalo do frustrado patrocinio publicitario do concerto de Guns N'Roses". “É claro que o alcalde ten moito que esconder neste asunto e non quere que nin o BNG, nin moito menos a cidade, saibamos que cando o 22 de novembro anunciaba que xa estaba moi avanzado o reequilibrio en realidade estaba mentindo", acrecentou.

"As viguesas e vigueses merecen coñecer, con luz e taquígrafos, que pretende facer o goberno local co diñeiro de todas, despois de terlle entregado case 6 millóns de euros a Vitrasa en compensación polas restricións da Covid e de agasallarlle unha prórroga de cinco anos", prosegue Igrexas.

Desde o BNG consideran "escandaloso" que o Goberno municipal se teña "negado reiteradamente" a dar explicacións e informar sobre este asunto, tanto denegando o acceso a documentación como sen dar resposta ás interpelacións en Comisión Informativa e mais no pleno municipal.

Vulneración de dereitos fundamentais

A decisión do Goberno que agora será investigada pola Valedora do Pobo supón, a ollos da formación nacionalista, unha "clara vulneración dos dereitos fundamentais" dos concelleiros e concelleira do grupo municipal do BNG. "Nomeadamente no recollido no artigo 9 do Regulamento Orgánico do Pleno, que en termos análogos aos recollidos no ROF e na Lei de Administración Local da Galiza, estabelece de maneira taxativa que os concelleiros, previa petición presentada no Rexistro do Pleno, sen necesidade de xustificación, obterán do alcalde para a súa consulta e exame, cantos expedientes, antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función", engaden.

O primeiro incumprimento sería o do prazo de cinco días naturais, que fixa o propio regulamento municipal, para resolver e materializar o acceso a documentación municipal. A isto engaden desde o Bloque a "arbitrariedade de autorizar un insólito acceso en diferido" que, afirman, "carece de toda xustificación", xa que ao se tratar de expedientes electrónicos o seu acceso ou consulta "non impide a súa tramitación administrativa".

Con esta actuación é a segunda vez neste mandato que a Valedora de Pobo acorda abrir dilixencias diante da opacidade do Goberno municipal, algo que, para Igrexas, "dá boa conta da degradación democrática no Concello de Vigo que impón ilegalmente o absolutismo de Caballero".

Comentarios