Abel Caballero abandona un acto no HALO tras un encontrón con persoal de Vitrasa: "Menos luces, máis autobuses"

Os traballadores acusárono de "deixar de lado a clase traballadora" e de "rir dos empregados" de Vitrasa, que leva co convenio caducado desde 2020, ao que o alcalde respondeu rindo e facendo o xesto do 'V' mentres ignoraba as súas peticións.
Abel Caballero facendo o xesto do 'V' ante o persoal mobilizado de Vitrasa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Abel Caballero facendo o xesto do 'V' ante o persoal mobilizado de Vitrasa. (Foto: Europa Press)

Empregados de Vitrasa, a concesionaria municipal do transporte urbano de Vigo, tiveron un encontrón na tarde desta terza feira co alcalde, Abel Caballero, mentres o rexedor visitaba as obras do ascensor HALO. Con berros de 'Dimisión, dimisión' ou 'Menos luces, máis autobuses', os traballadores presentáronse pasadas as 18.30 horas nas inmediacións da rúa Serafín Avendaño.

Á chegada de Caballero, comezaron a perseguilo e a encararse con el. Acusárono, no marco das protestas en curso do persoal da concesionaria, de "enganar a 350 familias", deixando de lado "a clase traballadora", asegurando que "ri dos empregados". Tamén lle pediron que sente a falar co comité para pór fin á situación na que se atopan.

Pola súa parte, o alcalde limitouse a escoitalos e comezou a facer o clásico 'V' cos dedos, un xesto típico que realiza referíndose á inicial do nome da cidade. Finalmente, os traballadores 'acompañaron' Caballero até o seu vehículo oficial, que o recolleu na avenida de García Barbón.

Os empregados de Vitrasa levan meses reclamando ao alcalde que medie entre eles e a empresa para pór fin ao conflito laboral, co convenio colectivo caducado desde 2020. Os empregados levaron a cabo innumerábeis paros parciais e xornadas de folga para que a concesionaria municipal sente a negociar.

Comentarios