Por trato de favor á irmá de Puy (PP)

A valedora do pobo pon o cargo a disposición do Parlamento

Milagros Otero toma a decisión de presentar a carta de renuncia despois de que o Tribunal Supremo rexeitase o seu recurso e confirmase a nulidade do nomeamento dunha irmá do portavoz parlamentar do PP no Valedor do Pobo.

milagros otero valedor do pobo
photo_camera Milagros Otero Imaxe: CRTVG

Tres anos e medio. É o que semella que vai durar no posto de valedora do Pobo Milagros Otero. Vén de poñer o seu cargo a disposición do Parlamento e presentar unha carta de renuncia após rexeitar o Tribunal Supremo o recurso que presentara en xuño de 2018 contra o auto do TSXG que consideraba probado que a Valedora do Pobo se inmisciu no proceso de designación como xefa do servizo de administración e persoal da institución dunha persoa coa que tiña relación e que, alén de máis, é irmá do portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy. O Supremo confirmaba a nulidade daquel nomeamento e situaba así a Milagros Otero nunha difícil situación. Máxime cando até o propio PP comprometérase en xuño de 2018 a retirar a confianza da Valedora se o recurso presentado por esta perante o Supremo non prosperaba. E non prosperou.

Na misiva remitida esta quinta feria á mesa do Parlamento, Otero solicita que "dea traslado deste escrito aos Grupos Parlamentarios, de xeito que no momento en que estes acorden a súa proposta para cubrir os cargos de valedor/a e adxunto/a proceda de inmediato a formalizar a miña renuncia, de acordo co previsto no artigo  artigo 5.1.5a da Leí 6/1984, de 5 de xuño, do Valedor do Pobo". A decisión, logo, de poñer o posto a disposición do Parlamento afecta tamén o adxunto ou vicevaledor, Pablo Cameselle. Hai que recordar que Otero foi nomeada cos votos a favor de populares e socialistas. 

M.P.F. foi designada xefa de servizo da administración e persoal da Valedora do Pobo nun proceso en que se cometeron irregularidades, de acordo coa Sala do Contencioso do TSXG. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anulou o nomeamento -nun fallo ditado a 29 de xuño de 2018- e ordenaba a repetición do proceso. No novo procedemento a actual valedora non podería ter "ningún tipo de intervención", sinalaba o TSXG. M.P.F. é irmá do portavoz parlamentar do PP, sobriña de Fraga e filla dun catedrático de dereito do que é discípula a Valedora do Pobo, quen, segundo a sentenza, incorreu en "desvío de poder" e "arbitrariedade" ao se inmiscir no normal desenvolvimento do proceso movida polo "interese en que fose seleccionada a señora P.F.".

Un currículo polémico nestes tres anos e medio

Milagros Otero, profesora de Dereito e Filosofía na Universidade de Santiago, tomou posesión do cargo de Valedora do Pobo a inicios de setembro de 2015. Era a aposta do PP para poñer fin á ‘crise’ aberta en 2012, cando dimitiu dese cargo Benigno López, cuxa defensa dos recortes e tesouradas da Xunta e a súa aposta mesmo en suspender a lei da dependencia xerou una forte contestación. O seu sucesor, o vicevaledor José Julio Fernández, estivo no cargo até nomear o Parlamento Milagros Otero como Valedora.

Neste tempo Otero foi moi cuestionada. O episodio coa consideración como probado por parte do TSXG de que  Milagros Otero se inmiscuiu no proceso de designación como xefa do servizo de administración e persoal da institución foi o último exemplo.

Non foi esa a súa primeira polémica no cargo. Como cando protagonizou una ‘batalla’ co Concello de Santiago a raíz das persoas sen teito, con acusacións públicas e apertura de expedientes. Estes foron finalmente arquivados. O alcalde compostelán, Martiño Noriega, chegou a falar de “animadversión” da Valerdora cara ao goberno local.

En abril de 2017 seis asociación de doentes e ONGs, entre elas SOS Sanidade Pública, pedían a demisión da Valedora por entender que antepuña os “intereses” do PP aos dereitos das e dos cidadáns. “As súas resolución son sempre a favor da administración do PP, criticaba o médico Xosé Dios. A petición tiña o apoio de institucións como o Concello de Santiago ou sindicatos como a CIG.

Precisamente a CIG tamén se mostrou crítica con Milagros Otero. En maio do ano pasado a Federación de Ensino do sindicato nacionalista acusábaa de ser “a Valedora do PP” a raíz da súas resolución e actitude perante a formulación da queixa presentada sobre discriminación do galego na Lomce.

En Outubro de 2017 A Mesa exixía a dimisión de Milagros Otero como Valedora polo seu “desprezo” perante a vulneración de dereitos lingüísticos. A organización acusou a Otero de “xustificar deturpacións de topónimos”, o que viña a sumar á actuación da Valedora en situación como cando a una nena de 9 anos lle restaron puntos nunha redacción por empregar o termo ‘Galiza’.

Comentarios