Urxen a Xunta a paralizar o ERE na fábrica de Vestas

A Xunta culpa do feche ás políticas de transición enerxética mais non pon en marcha as súas competencias en industria nin paraliza o ERE.
Fillo dun traballador de Vestas, o pasado sábado en Viveiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Fillo dun traballador de Vestas, o pasado sábado en Viveiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Diante do anuncio de Vestas de fechar a súa factoría en Chavín (Viveiro), que implica a destrución de 115 postos de traballo directos, o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, subliñou que o Goberno galego "non pode estar máis en contra" do fechamento. Conde centrouse en achacar o cerramento ás políticas de transición enerxética do Executivo estatal, sen reparar nas competencias da Xunta en materia industrial ou laboral, que permitirían mesmo paralizar o ERE. Subliñou que "a política enerxética que se está a adoptar en España vai en contra da industria na Galiza".

Así respondeu no Parlamento á deputada socialista Patricia Otero, que instou o Goberno galego a convocar a mesa industrial para buscar alternativas para os 115 empregos. 

"A Xunta recibiu a noticia da presentación deste ERE e desde o primeiro momento a nosa preocupación e ocupación é identificar como podemos abordar esta situación para poder atopar unha solución", respondeu Conde á socialista no hemiciclo.

Actuacións "inmediatas"

Esta cuarta feira 29 de setembro, nunha nova xornada de protesta ante as instalacións da planta en Viveiro por parte dos traballadores, representantes do cadro de persoal reuníronse no Parlamento galego con Patricia Otero e o grupo socialista ademais de coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que lles propuxo "actuacións inmediatas para salvar" a fábrica.

A formación nacionalista demandou unha a implicación da Xunta da Galiza "total e rápida" e anunciou iniciativas no Parlamento galego a favor da fábrica.

Nese sentido, consideran chave concretar un calendario da mesa de negociación, pois "de nada vale senón se actúa con rapidez, antes da reunión prevista coa dirección da empresa para o día 6 de outubro". 

No Bloque tamén avogan por paralizar o ERE extintivo que ameza con despedir todo o cadro de persoal.

Comentarios