Unanimidade no Parlamento galego para apoiar a tramitación da lei estatal de bebés roubados

A proposta, defendida pola deputada do BNG, Mercedes Queixas foi aprobada por unanimidade no seu primeiro punto.
A deputada nacionalista Mercedes Queixas (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada nacionalista Mercedes Queixas (Foto: Nós Diario).

A Comisión 1ª do Parlamento da Galiza aprobou unha Proposición Non de Lei presentada polo BNG para apoiar a tramitación e aprobación polo Congreso dos Deputados da Proposición de Lei de bebés roubados no Estado español.

A proposta, defendida pola deputada do BNG, Mercedes Queixas foi aprobada por unanimidade no seu primeiro punto.

O segundo, referido a "defender que a tramitación se faga respectando o texto orixinalmente introducido e que non se desvirtúe con emendas que vaian contra o espírito da norma", foi rexeitado polo grupo do Partido Popular e recibiu a abstención dos socialistas.

Os nacionalistas recalcan que a proposta responde a unha demanda "para defender os dereitos humanos e a reparación e recoñecemento de pais e nais afectados, así como ás circunstancias do propio nacemento".

Na súa intervención, a nacionalista sinalou que, a pesar de non existir un número exacto de bebés roubados, as dilixencias de investigación emprendidas pola Fiscalía Xeral do Estado ata marzo de 2021, o número ascendía a 2.139.

"O que si podemos afirmar é que unha das actuacións da represión fascista foi o roubo de bebés, anulando a súa identidade biolóxica e entregados, sen consentimento, a outras familias para cubrir o oco da falta de descendencia ou cun mellor status. Esta entrega de bebés foi decidida por razóns ideolóxicas, económicas ou morais", esgrimiu Queixas.

"Impunidade dos responsábeis"

A deputada defendeu que "é hora de pór fin a este tráxico episodio inhumano da historia española", caracterizado pola "impunidade dos responsábeis e pola dor que acompaña o proceso de procura, que se incrementa co tempo".

Queixas relatou que en 2018 rexistrouse no Congreso, admitida por unanimidade, a Proposición de Lei sobre bebés roubados no Estado español e, tras a disolución das Cortes, rexistrouse de novo en setembro de 2020.

Agora mesmo encóntrase en trámite de emendas, o que preocupa aos nacionalistas que advirten que última prórroga vence este 14 de decembro.

Comentarios