Soledad Luque, investigadora

Soledad Luque, investigadora: "O roubo de bebés foi moi habitual no franquismo”

Soledad Luque Delgado (Madrid, 1965) é presidenta da asociación 'Todos os nenos roubados son tamén nenos meus'. Hoxe participa na cidade do Lérez nas xornadas “Individuas de dudosa moral”, organizadas pola área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra. Afondará no roubo de bebés durante os anos da ditadura franquista.

Soledad Luque FINAL
photo_camera Pontevedra acolle hoxe a conferencia de Soledad Luque. (Foto: Nós Diario)

Que se sabe sobre o roubo de bebés polo franquismo na Galiza e cal é o estado dos estudos arredor desta cuestión?

A única información que temos, e témola como asociación ao igual que outras entidades, non é moita e transmítenola cada certo tempo o Ministerio de Xustiza. O último informe foi de 2020 e nel sinálase que na Galiza entre 2011 e 2020 había abertas 36 dilixencias de investigación. Porén carecemos de información sobre o número de denuncias. Neste sentido, sen dispor de información concreta sobre as dilixencias na Galiza, hai que destacar que a maioría delas están sendo arquivadas polos diferentes  xulgados.

A que lóxica política e ideolóxica responderon os roubos de bebés como mecanismo de represión durante a ditadura franquista?

O franquismo tivo variadas represións, unha delas era a política, pero había máis, como a ideolóxica, a social, a relixiosa e a de xénero. Neste sentido, normalizou unha violencia contra as mulleres de tal modo que nas primeiras etapas tivo que legalizar o roubo a través dunha lei, unha orde e un decreto. Despois xa non fixo falla ningunha norma porque o roubo de bebés foi absolutamente habitual no franquismo.

Non podemos dicir que o roubo ás mulleres antifranquistas que acabaron no cárcere foron os únicos porque, se ben esa represión foi política, outros tipos de represión durante toda a ditadura tamén fixeron posíbeis os roubos baixo o manto do nacional-catolicismo e a súa impunidade, noutras fases, noutros anos e noutras localizacións, xa non nos cárceres, mais si en clínicas e maternidades.

En todo caso, o que está claro é que as mulleres roubadas pertencían a sectores moi vulnerábeis. Primeiro mulleres antifranquistas, despois mulleres pobres con carencias socio-económicas que seguían facendo parte do sector perdedor da Guerra Civil.

Que papel xogou a Igrexa Católica no roubo de bebés?

Non hai que esquecer que na ditadura a Igrexa Católica e o Estado eran só un. O seu papel neste caso foi o que tivo en toda a sociedade porque o nacional-catolicismo era a idea que primaba en todas as esferas sociais.

Controlaban a educación, a convivencia ou o que tiñan que facer as mulleres nas casas e fóra deles, mesmo estaban tan asumidas esas ideas contra a liberdade por todas as capas da cidadanía que incluso ían investigar aos cinemas, aos bailes e aos parques para saber que estaban facendo as mulleres.

Por iso a Igrexa católica tivo todos os papeis e, en concreto, no caso da muller, controlou todas as facetas da súa vida e polo tanto xogou un papel moi relevante no roubo de bebés.

O Padroado é unha institución do franquismo moi descoñecida. Que destacaría da súa actuación en relación co roubo de bebés?

O Padroado é unha institución descoñecida porque era unha institución de represión das mulleres e, se hai unha violencia e unha represión invisibilizada, esa é a que sofren as mulleres. O Padroado é unha institución que se constitúe en 1941, cuxa presidenta de honra foi Carmen Polo, que non se fechou até 1985, que chegou a contar con máis de 9.000 centros en todo o Estado e que segundo os seus estatutos se constituíu para “a redención das mulleres descarriladas” ou para “evitar que as mulleres caesen”. Non se sabe cantas mulleres pasaron polo Padroado, pero si se sabe que chegou a haber roubo de bebés. 

Comentarios