O BNG avoga por un futuro "galego e republicano" fronte á Constitución española

Néstor Rego non participará nos actos organizados polo Congreso ao considerar que a Constitución, resultado da transición pactada cos últimos xestores do franquismo, nega a Galiza como nación e perpetúa valores "escasamente democráticos".
Néstor Rego
photo_camera Néstor Rego

O Bloque Nacionalista Galego non acudirá a ningún dos actos protocolarios organizados polo Congreso para conmemorar o día da Constitución como mostra de rexeitamento a un sistema pactado na Transición cos últimos xestores da ditadura franquista e que simboliza perfectamente unha monarquía "anacrónica e corrupta".

Esta non é a nosa Constitución

Para o deputado nacionalista Néstor Rego, o marco constitucional nega a Galiza como nación e a súa capacidade para decidir, polo que reclama unha ruptura co réxime do 78 para construír un futuro galego e republicano, baseado na igualdade, a xustiza social, a conquista de dereitos, a xeración de emprego e o desenvolvemento económico.

"Esta non é a nosa Constitución" salientou, para lembrar que o nacionalismo popular galego avogou desde o comezo por unha ruptura democrática co réxime franquista e non por un pacto coa ditadura.

Monarquía "antidemocrática"

Para Rego, é a Constitución española a que afianza estruturas herdadas do franquismo, como a monarquía, unha institución "anacrónica, antidemocrática e corrupta" tal e como se vén evidenciando após os numerosos escándalos vividos estes últimos anos. "Un sistema verdadeiramente democrático permite que a cidadanía elixa a súa Xefatura de Estado, non que esta figura sexa hereditaria e vitalicia ", aseverou.

Apunta o BNG que tanto a esquerda institucional española como a dereita política española actúan en consonancia ao vetaren -PSOE, PP e Vox- todas as solicitudes de creación dunha Comisión de Investigación sobre os escándalos dos Borbóns. Neste sentido, considera fracasado o actual marco constitucional, marcado pola corrupción da monarquía e das elites políticas e económicas e que actúa como "corpiño que lastra o futuro do noso país".

Soberanía fronte a Madrid

Fronte ao texto constitucional que apuntala o centralismo de Madrid, Rego reclama "soberanía" para a Galiza. "Madrid funciona como unha aspiradora de recursos. Concentra e absorbe o investimento, as grandes empresas, o talento e os centros de decisión política", criticou o deputado, quen subliña o prexuízo que supón para os galegos e galegas esta dinámica centralista.

A Constitución española nega a realidade plurinacional e os conseguintes dereitos nacionais das nacións que, como a Galiza, integran o Estado

"Galiza precisa de ter capacidade para decidir por si propia. É a única forma de poder desenvolverse plenamente do punto de vista social, económico, político e cultural, así como poder mellorar a calidade de vida e benestar de todos os galegos e galegas", reivindicou.

Neste sentido, Néstor Rego destacou que a Constitución española nega a realidade plurinacional e os conseguintes dereitos nacionais das nacións que, como a Galiza, integran o Estado.

"Pensamos que xa é hora de mudanzas estruturais que permitan unha verdadeira democratización da vida política galega, nun modelo propio, republicano e soberano. É a hora de comezar a levantar a República da Galiza", concluíu o deputado nacionalista na véspera do Día da Constitución.

Comentarios