O Congreso aproba os Orzamentos para 2023: 187 votos a favor, 156 en contra e 1 abstención

Introducíronse ao proxecto orzamentario un total de 146 emendas transaccionais de EH Bildu, PdeCAT, ERC ou Más País.
Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)
photo_camera Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)
(En ampliación)

O Goberno español do PSOE e Unidas Podemos conseguiu aprobar esta cuarta feira o terceiro orzamento xeral do Estado. Fíxoo cunha ampla maioría, de 187 deputados e deputadas, formada polos grupos parlamentarios das formacións que integran o Executivo e os socios da investidura. Unha cómoda maioría, integrada por PNV, Bildu, PDECat, Coalición Canaria, Más País e Compromís, e completada por ERC, que até última hora non confirmou o seu "si" ás contas.

En contra votaron o PP, Vox, Cidadáns, Junts, a CUP, Foro Asturias, os dous deputados de Navarra Suma que foron expulsados de UPN e o de Teruel Existe, que non conseguiu que se acepten as súas propostas para incentivar a empresas que operan en zonas despoboadas. O BNG, pola súa banda, abstívose, como xa anunciara esta semana o seu deputado, Néstor Rego. "Desde que o Goberno do Estado presentou o proxecto de Orzamentos sinalamos a necesidade de melloralos: o investimento na Galiza fica estancado, nun contexto de orzamentos expansivos en que aumenta de forma importante o investimento no conxunto do Estado e na inmnensa maioría das comunidades autónomas, excepto no noso país, que, máis unha vez, fica discriminado", reprocha o parlamentario.

Coa votación desta quinta feira, púxose fin ao debate das emendas parciais, que durou tres días na Cámara Baixa, e agora as contas deberán continuar a súa tramitación no Senado. Trátase dos terceiros orzamentos que o Goberno de Pedro Sánchez saca adiante “en tempo e forma” nesta lexislatura, como recalcaron distintos membros de PSOE e Unidas Podemos.

Unhas contas que, dixeron, conteñen o maior gasto público e investimento produtivo da historia nun contexto de “alta incerteza”, como dixo o Goberno en alusión á guerra de Ucraína e a alza dos prezos. Uns Orzamentos aos que a Comisión Europea xa deu a súa visto e prace, aínda que pediu acoutar as axudas en materia enerxética aos máis vulnerables.

Emendas

Ao longo das tres xornadas orzamentarias no pleno, PSOE e Podemos chegaron a varios acordos para selar os apoios necesarios ás contas públicas. Así, durante esta semana introducíronse ao proxecto orzamentario un total de 146 emendas transaccionais de EH Bildu, PdeCAT, ERC ou Más País. O BNG denunciara “a actitude antidemocrática” do Goberno español ao vetar 50 das súas emendas aos Orzamentos.

Deste modo, o Executivo estatal só deixou pasar en pleno as emendas que quixo, coa excepción dunha emenda do PNV para destinar sete millóns de euros a campamentos de refuxiados saharuis. No que a acordos se refire, o Executivo pactou con Bildu para, entre outros puntos, prorrogar durante todo 2023 o límite do 2% para a actualización das rendas de aluguer, subir 15% as pensións non contributivas e tamén a incorporación de 200 novas prazas MIR, alcanzando un total de 1.200 prazas adicionais para 2023, ademais da creación do Memorial do 3 de Marzo en Vitoria-Gasteiz e a transferencia da competencia de Tráfico e Seguridade viaria á Comunidade Foral de Navarra.

Orzamento da casa real española

O pleno do Congreso aprobou a sección dos Orzamentos Xerais do Estado dedicada á casa real española, que está dotada con algo máis de 8,43 millóns de euros, e que recibiu os votos en contra de Vox, Cidadáns, Junts, a CUP, BNG e Teruel Existe. A favor votaron PSOE, Unidas Podemos, PP, PNV, Compromís, Navarra Suma, Coalición Canaria, o Partido Rexionalista de Cantabria (PRC) e Foro Asturias.

Pola súa parte, ERC, Bildu e o PDeCAT optaron pola abstención, do mesmo modo que Máis País-Equo. Na sesión , rexeitouse, ademais, xa a clásica emenda de ERC que expuña rebaixar a partida destinada a Zarzuela para equiparala co soldo do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

O BNG tamén rexistrou unha emenda relativa á coroa, que tampouco prosperou. No seu caso buscaban eliminar a partida de 8,4 millóns e dedicala integramente a políticas sociais.

Comentarios