O PP propón conxelar as peaxes da AP-9 e a AP-53 na Galiza durante 2023

O Grupo Parlamentario Popular rexistrou unha proposición non de lei para que o Goberno do Estado conxele os prezos nas peaxes das autoestradas estatais galegas AP-9 e AP-53 durante o ano que vén.
Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande (Foto: Punto GA / M. Riopa).
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande (Foto: Punto GA / M. Riopa).

Segundo explican os populares na proposta, as dúas estradas mencionadas son dúas das máis caras do Estado en termos de peaxes. Isto a pesar das bonificacións implantadas na AP-9, xa que a AP-53 non conta con ningunha axuda.

Na actualidade, e aínda coas bonificacións implantadas, a AP-9 ten un custo medio por quilómetro de 6,12 céntimos. No caso da AP-53, que comunica Santiago con Ourense, ten o custo da peaxe máis alta da Galiza e atópase no 'top' estatal, con 7,77 céntimos de media por quilómetro.

Neste contexto, o PP advertiu que os prezos destas peaxes seguiranse encarecendo en xaneiro, coa subida derivada do IPC se o Goberno non adopta medidas. "O 1 de xaneiro a subida das peaxes en ambas as dúas autoestradas estatais na Galiza abeirará 9%", explica o PP, que advirte de que esta suba será "o segundo maior incremento da serie histórica".

Acordos coas concesionarias

O PP explicou que os cidadáns galegos terán que soportar unha subida de máis de 8% nas peaxes da autoestrada estatal AP-53 e de case 9% na AP-9. Nesta última haberá que sumarlle o 1% de incremento extra pola compensación a Audasa polas obras de ampliación da autoestrada, que autorizou o Executivo, segundo sinalan os populares.

Con todo iso, o grupo parlamentario afirma que é posíbel limitar as subidas das peaxes chegando a acordos coas concesionarias. "O Goberno de España ten o deber de facelo nas autoestradas de titularidade estatal na Galiza", concluíu.

Comentarios