28-M

O ultraespañolista Vox só consegue 1,4% do total de votos na Galiza

As listas do partido de Abascal nas cidades só superaron 3% dos votos na Coruña, Santiago e Pontevedra.

Santiago Abascal, presidente de Vox, en Santiago de Compostela o pasado 8 de maio. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Santiago Abascal, presidente de Vox, en Santiago de Compostela o pasado 8 de maio. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

As 35 candidaturas presentadas por Vox na Galiza nas eleccións municipais do pasado domingo obtiveron 21.162 votos, 1,4% do total.

O partido que lidera Santiago Abascal, que pasou de 13 listas en 2019 a 35 este ano, entra por primeira vez nas institucións galegas coa edil conseguida no municipio de Avión, onde a lista encabezada por Lilian Cerdeira Mosquera alcanzou 18,86% dos sufraxios.

Cerdeira converterase así na primeira representante do partido ultraespañolista Vox a nivel político na Galiza coa súa acta de concelleira no concello da comarca do Ribeiro, onde o PP revalidou a súa maioría absoluta e a candidatura independente Novos Aires por Avión levou tres edís.

A Coruña, cidade con máis votos á ultradereita

Nas cidades, o mellor resultado de Vox foi na Coruña con 3,92% dos votos (4.528), seguida de Pontevedra con 3,51% (1.455) e Santiago, onde 1.652 deron o seu apoio á lista encabezada por Fernando Maio.

No resto dos grandes municipios galegos, o partido quedou por baixo de 3% dos votos ao lograr 3.573 sufraxios en Vigo (2,64%), 896 en Ferrol (2,96%), 1.127 en Lugo (2,28%) e 1.004 en Ourense (1,85%).

Nun comunicado, a formación de Santiago Abascal  mostrou a súa satisfacción polos resultados do domingo cos que "rompen a barreira da falta de representación na Galiza" coa súa edil en Avión.

"Estes datos veñen a confirmar a tendencia imparábel de crecemento do partido na comunidade galega que, aos poucos, está a facerse un oco como forza política de referencia na rexión", trasladaron os ultraespañolistas.

Comentarios