A Xunta Electoral amplía até o 20 de xullo o prazo para votar por correo

No momento de depositar o voto será obrigatorio presentar o DNI, a raíz das denuncias de fraude que protagonizaron as eleccións municipais en municipios españois como Melilla.
Traballador de Correos na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Traballador de Correos na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)

A Xunta Electoral Central (XEC) acordou ampliar un día o prazo para depositar o voto por correo nas eleccións estatais do próximo 23 de xullo. Ese prazo ía rematar o 19 de xullo e, a pedimento da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, prorrogouse até o día 20 nos horarios habituais de apertura das oficinas. Correos, que é a encargada de xestionar ese voto por correspondencia e de levar os sobres coas papeletas aos colexios electorais para que se introduzan nas urnas o día da votación, remitiu un informe á XEC confirmando a súa disposición a asumir esa prórroga.

Dado que o presidente Pedro Sánchez situou as eleccións en período estival, en Correos dan por feito que nestes comicios o voto por correspondencia pode alcanzar cifras inusualmente elevadas. En todo caso, a XEC pediu a Correos que "extreme a dilixencia para asegurar que os sobres co voto poidan entregarse o día da votación nas respectivas mesas electorais, dentro dos prazos legalmente estabelecidos".

E, tras as sospeitas de fraude no voto por correo en Melilla, así como noutros municipios do Estado español, nas pasadas eleccións locais, a Xunta Electoral acordou este xoves exixir a identificación co DNI ao emitir ese voto por correo, e non só cando se solicita.

Cinco días máis para o voto ERTA

Por outra parte, a XEC tamén ampliou, a pedimento do PP, o prazo para que pidan o voto os electores e electoras que se atopen temporalmente no estranxeiro (ERTA). O devandito prazo remataba nun principio o 24 de xuño e agora acordouse ampliar até o 29 de xuño, tal e como recomendara a Oficina do Censo Electoral. A decisión comunicarase ás Xuntas Electorais Provinciais, para o seu coñecemento e remisión ás Xuntas Electorais de Zona.

O DNI será preciso para votar por correo

A Xunta Electoral Central aprobou tamén esta quinta feira outra instrución decretando que os electores que opten por votar por correo deberán identificarse co Documento Nacional de Identidade, ou documento análogo no momento de depositar o voto, e non só cando se solicita.

O caso de Melilla, onde as solicitudes do voto por correo se dispararon até case 20% do censo e houbo denuncias de subtracción da documentación electoral que se ía a enviar a electores, aconsellaron á Xunta Electoral da cidade autónoma exixir o DNI ao emitir o voto por correo.

Comentarios