A portavoz do PP en Muras, unha das 'enchufadas' polo ex alcalde

A sentenza xudicial dá por probadas as contratacións irregulares cometidas polo ex alcalde da localidade, Issam Ao-Nagm, entre as que figura a portavoz municipal do PP., 
Eugenia Requeixo Chao, portavoz e presidenta do PP de Muras (Foto: Nós Diario).
photo_camera Eugenia Requeixo Chao, portavoz e presidenta do PP de Muras (Foto: Nós Diario).

A actual presidenta do PP de Muras e portavoz municipal deste partido no Concello, Eugenia Requeixo Chao, foi unha das persoas que o anterior alcalde, o popular Isaam Algnam Azzam, contratou de maneira irregular. É un dos feitos probados que figura na sentenza da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo pola que o ex rexedor foi condenado a nove anos e medio de inhabilitación “para todo cargo público con facultades de contratación” por delito continuado de prevaricación.

O texto xudicial afirma que entre 2012 e 2015, Issam Ao-Nagm, como alcalde, “e con pleno coñecemento de actuar á marxe do ordenamento xurídico e vontade de facelo” e “sabedor de que ocasionaba un resultado materialmente inxusto coa súa actuación, ao longo deses anos veu subscribindo con diversas persoas contratos laborais de carácter temporal”. 

Segundo a sentenza, o ex alcalde prescindía “absolutamente de calquera tipo de procedemento que garantise os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade para o acceso á función pública, sen publicidade das bases e convocatoria dun procedemento -inexistente- e sen que a contratación fose realizada por un órgano colexiado imparcial e independente, sen a súa intervención, senón precisamente por el mesmo”. No documento, ao que accedeu Nós Diario, figuran os nomes das persoas contratadas irregularmente, entre elas, en 2013,  Eugenia Requeixo Chao

Contratada sen formación para o posto

O actual alcalde de Muras, Manuel Requeixo (BNG), era neses anos concelleiro da oposición e foi unha das testemuñas que declarou no xuízo. Confirmou que antes da súa chegada “non había proceso selectivo, só se consultaba ao INEM [Instituto Nacional de Emprego]”, coincidindo en que “a maioría dos contratados era xente afín ao alcalde ou ao PP, familia de xente que ía ás listas”. 

En declaracións a Nós Diario, Manuel Requeixo sinala que “nunha sociedade democrática esa maneira de facer unha selección de persoal para acceder a unha Administración pública non procede”.

No caso da actual portavoz do PP de Muras, o alcalde lembra que "estaba contratada no Concello como responsábel do Servizo de Prevención de Riscos Laborais e cando se lle solicitaba informes non o facía sinalando que non tiña formación nin a titulación para facelo". Por este motivo di que "probabelmente o máis grave é que desempeñase un posto para o que non estaba nin capacitada nin habilitada".

Prexuízo para o Concello

O actual alcalde entende que con ese método “todas as veciñas e veciños que fosen militantes do PP entraban por unha porta distinta, sen respectar as garantías que se exixen para incorporarse á función pública”. A sentenza confirma que a situación prexudicou o Concello, que tivo que afrontar demandas por despedimentos. 

Na actualidade, catro desas persoas continúan traballando no consistorio. “Lévanos a que se cuestione a capacidade do persoal das Administracións. Non é xeral, mais acontece cando non pasan un proceso selectivo con garantías”, apunta Manuel Requeixo, “e agora coa normativa europea obrígase a que toda esa xente que entrou no Concello pola porta de atrás quede como persoal laboral funcionario como se fixesen un proceso selectivo con garantías”, engade.

Comentarios