"Ti es a miña candidata, mais escóitanos", Monedero lanza unha mensaxe a Yolanda Díaz en Compostela

Nun acto perante decenas de afiliados e simpatizantes, o fundador de Podemos dedicou boa parte da súa intervención para lanzar mensaxes á vicepresidenta a favor dunha "fronte ampla" da esquerda, pero coa advertencia de que o seu partido debe ter peso".
Juan Carlos Monedero e Gonzalo Busqué esta cuarta en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Juan Carlos Monedero e Gonzalo Busqué esta cuarta en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O cofundador de Podemos, Juan Carlos Monedero reivindicou o protagonismo da formación violeta no espazo da esquerda e lanzou unha clara mensaxe á vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz: "Ti es a miña candidata, mais escóitanos".

Así se expresou Monedero en Santiago de Compostela durante un acto para arroupar a candidatura 'Rexurdir Galicia', liderada por Gonzalo Busqué, que busca liderar Podemos na Galiza nas primarias fronte á lista oficialista, de 'Tecer Galicia', dirixida polo secretario de Organización saínte, Borja San Ramón. A votación finaliza esta mesma cuarta feira ás 24 horas.

Nun acto perante decenas de afiliados e simpatizantes, o fundador de Podemos dedicou boa parte da súa intervención para lanzar mensaxes á vicepresidenta a favor dunha "fronte ampla" da esquerda, pero coa advertencia de que o seu partido debe ter peso".

"Así non se fan as cousas"

Monedero recuperou unhas palabras que lle dixo no seu momento a Díaz: "Yolanda, coidado con gustarlles aos que non nos votan") para seguidamente recoñecer que Pablo Iglesias "fixo mal" en sinalala como a súa sucesora á fronte de Unidas Podemos. "Así non se fan as cousas", apostilou.

Enxalzou a Díaz, con todo, referíndose a ela como "unha muller decente" que ten o traballo por diante de "reconstruír o espazo", pero falando "con todo o mundo", sobre todo con Podemos, á vez que advertiu que os proxectos "veñen primeiro de movementos sociais e logo de formacións políticas".

Desencontros con Díaz

Con todo, Monedero admitiu que nos últimos meses houbo "desencontros" coa ministra de Traballo, a primeira cando ela "se posicionou á beira" do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na defensa da cimeira da OTAN. De feito, lembrou que Unidas Podemos abarca forzas que naceron do "non á OTAN", como Esquerda Unida (EU).

Tamén lle reprochou a Díaz cando "non viu claro" que a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Vitoria Rosell, fose vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) a proposta de Unidas Podemos.

O discurso

Todo iso deuse durante un discurso ante decenas de militantes pronunciado con ironía e con ataques ao "poder" e a algúns medios de comunicación, que en ocasións arrincaron as risas e os aplausos dos presentes na sede de Podemos Galicia.

Comentarios