As diferenzas entre Sumar e Podemos estalan na Galiza

Monedero acode a Compostela a apoiar Busqué ante San Ramón
Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino e Juan Carlos Monedero nun acto en Vigo en 2019 (Foto: Europa Press).
photo_camera Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino e Juan Carlos Monedero nun acto en Vigo en 2019 (Foto: Europa Press).

Juan Carlos Monedero estará a cuarta feira en Compostela no acto de fechamento de campaña da candidatura de 'Rexurdir Galicia'. O encontro desenvolverase na praza da Quintana, e, ademais da intervención do fundador de Podemos, tomarán a palabra a candidata da formación á Alcaldía de Vigo, Mely Vázquez, e o aspirante á Secretaría Xeral do partido na Galiza, Gonzalo Busqué.

A presenza de Monedero é interpretada desde a candidatura de Busqué como “un apoio claro e inequívoco da dirección estatal da organización á nosa proposta”. Neste sentido, lembran a Nós Diario que “Monedero non é só un fundador de Podemos senón que é unha peza chave na dirección do partido”. 

Asemade, destacan que “é unha persoa de máxima confianza de Ione Belarra, Irene Montero e, por suposto, de Pablo Iglesias”. O sector de Podemos nucleado ao redor da alternativa 'Rexurdir Galicia' recibe “con moito optimismo o apoio de Monedero”. A este respecto, entende que “permite visualizar os dous modelos que se enfrontan en Podemos Galicia. Un deles quere entregarse a calquera prezo a Yolanda Díaz e outro, fiel á dirección estatal do partido, quere darlle continuidade ao proxecto político”.

As relacións de Podemos co espazo político de Sumar, a alternativa da ministra Yolanda Díaz, pairaron sobre o proceso asembleario da organización desde o primeiro momento. Nesta liña, desde a candidatura de Busqué acusan a outra parte de “estar ao servizo do proxecto de Díaz”.

Porén, o líder da lista 'Tecer Galicia', Borja San Ramón -que conta co apoio do actual secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino-, cuestiona estas afirmacións, sinalando a Nós Diario que “non hai candidatura mellor que unha con Yolanda Díaz, Ione Belarra e Irene Montero, desde Unidas Podemos e aberta a outras forzas políticas e xente dos movementos da sociedade civil”.

As razóns de Monedero

A visita de Monedero á Galiza introduce novas variábeis nunhas primarias que enfrontan as candidaturas de San Ramón e de Busqué. Neste sentido, Galiza convértese na nova fronte de batalla entre a dirección estatal de Podemos e Díaz. Precisamente, a tensión entre os morados e a ministra de Traballo non deixa de aumentar polas diferenzas a respecto da fórmula de concorrencia ás eleccións locais e  autonómicas. Así, a vitoria dunha ou outra candidatura en Podemos Galicia terá as súas consecuencias no ámbito electoral. 

As dúas candidaturas consideran que o resultado está aberto e vense gañadoras. A encabezada por San Ramón e avalada por Gómez Reino parte como favorita neste proceso electoral interno, ao incorporar membros de todos os círculos activos. A outra, liderada por Busqué, articulada arredor dos sectores críticos do partido, percíbese “con posibilidades de gañar”.

Comentarios