Monedero: "Podemos fíxoo moi mal na Galiza e non hai razón para que continúe a actual dirección"

Juan Carlos Monedero estará na Galiza a cuarta feira de 14 de decembro para apoiar a candidatura de Rexurdir Galicia á dirección de Podemos. Hoxe achega en Nós Diario, as razóns da súa decisión e analiza a situación internacional.

EuropaPress_3590950_imagen_recurso_cofundador_podemos_juan_carlos_monedero_portavoz
photo_camera Juan Carlos Monedero, fundador de Podemos. (Foto: Europa Press).

Cales son as razóns que o levan a apoiar a candidatura de Rexurdir Galicia, liderada por Gonzalo Busqué?

Hai unha nova etapa política é a candidatura que mellor entende ese novo período é a de Rexurdir Galicia de Gonzalo Busqué. Creo que é o momento de consolidar a Podemos como partido e ampliar a súa implantación.

Podemos fíxoo moi mal na Galiza e non hai razón para que continúe a actual dirección, que levou o espazo de cambio a súa desaparición. Unha forza política nova, que pide cambiar as cousas non pode repetir os mesmos erros da vella política.

Os  últimos resultados electorais da Galiza obrigaban a un cambio posposto durante demasiado tempo e, por tanto, non é tempo de continuidade do que non funcionou, senón de que o tente outra xente con outras ideas. Rexurdir supón un cambio coas cousas que antes se fixeron mal e coincide coa liña xeral de reconstrución que ten a dirección. É a candidatura que mellor representa o que eu creo que debe ser Podemos

Penso que entre as dúas candidaturas non hai diferencias ideolóxicas. Todas as persoas inscritas en Podemos coinciden na necesidade de superar o bipartidismo, loitar contra as desigualdades, seguir apostando polo pacifismo e articular unha organización radicalmente democrática.

Agora ben, entendendo que a candidatura de Gonzalo Busqué é a única que pode conseguir que regresen a organización todas as persoas que a foron abandonando nos últimos tempos. É necesario que retorne a Podemos toda a xente que confiou neste proxecto e que se foi desencantanda. É esencial outorgarlle aos círculos a importancia que sempre pensamos que deberon ter.

Un dos debates que paira sobre o proceso asembleario de Podemos na Galiza é a súa relación co espazo de Sumar, sobre que bases pensa que se debe articular esta confluencia?

Penso que sería un error situar o debate aí. Isto significaría por o carro diante dos bois. Do que se trata é de primeiro consolidar a Podemos e despois construír unha fronte ampla.

Podemos é a forza nodriza da esquerda que logrou que Yolanda Díaz se convértese en ministra de Traballo e que a puxo de vicepresidenta do Goberno do Estado. É un erro o que formulan algúns de centrar toda a atención en Sumar, esquecéndose para que debe ser o cambio. Rexurdir Galicia é quen mellor entende que agora toca reforzar Podemos para ir con máis forza a reconstrución do espazo da unidade.

A día de hoxe non sabemos se Yolanda Díaz se vai presentar á presidencia do Goberno do Estado. Temos, polo tanto, que acordar os criterios ideolóxicos desa unidade, partillar os elementos ideolóxicos e defender as compañeiras que están dando a cara para defender as nosas propostas.

En todo caso, debemos ter claro que os cambios no Estado e na Galiza van ter enfronte aos poderosos e nós estamos dispostos a dar esa pelexa. E iso obriga a ter un partido enraizado na sociedade.

Sinalaba anteriormente que o pacifismo debe ser un elemento central da alternativa da esquerda, como explica a posición da Unión Europea en relación co conflito no leste de Europa?

A Unión Europea está perdendo a pasos axigantados a súa relevancia a nivel internacional. Non pintamos nada en Venezuela, onde están mediando países como Suíza, México ou o propio Estado do vaticano. Non pintamos nada, tampouco, en Ucraína, onde só gastamos diñeiro en armas que lle compramos a Estados Unidos.Creo que é importante reformular as políticas europeas, porque os intereses europeos non son os de Estados Unidos.

Asistimos nestes días a dous golpes de Estado en América Latina, uns golpes que xa non responde a súa forma clásica e onde o poder xudicial xoga un papel chave?

A dereita en Europa e en América cada vez respecta menos o marco liberal. Ás veces executan golpes clásicos, como en Bolivia e outras recorren aos xuíces e as leis para reverter  os resultados electorais.

Lula foi sacado do xogo electoral polos xuíces cando lle levaba 20 puntos a Bolsonaro. Se os xuíces conseguen reverter os resultados das urnas, regresaríamos a unha época anterior, volvéndonos súbditos

Na Arxentina, incumpríronse os principios básicos do Estado de dereito para condenar a Cristina Fernández, volvendo ser xulgada por unha causa arquivada previamente, cunha conivencia evidente entre os xuíces e Macri. Sen ir máis lonxe, a parella dun deses xuíces foi voceira no Goberno de Macri.

Desde o minuto cero, a dereita peruana ligada a Fujimori comezou a oposición contra o Executivo de Castillo, bloqueando a súa acción de goberno. O golpe de Estado en Perú non é o de Castillo, que se equivocou na súa resposta, senón contra Castillo.  

.

Comentarios