IVÁN PUENTES

"Temos o presidente máis gris e menos comprometido co País da nosa historia"

Iván Puentes -dirixente do PSdeG (aliñado con Patxi López nas recentes primarias), ex alcalde de Fene e concelleiro en Pontevedra, analista e profesor de universidade- é quen se achega esta quinta feira ao #VenhanMais5 para partillar as súas impresións coa comunidade sermos.

Ivan WorldCIST
photo_camera Iván Puente

-Como avalías o estado actual da política galega?

-Insufrible. Temos o presidente máis gris e menos comprometido co País da nosa historia, o goberno máis anodino e menos político que coñecemos nunca e un Partido Popular que nas súas horas máis baixas segue a monopolizar a política galega por incomparecencia da oposición. O PSdeG chegou ata aquí consumido por liortas fratricidas, o BNG, tras rachar co efectivo equilibrio histórico entre esquerda e nacionalismo, regalou a metade do seu electorado, quedando reducido á mínima expresión e a Marea, sumida nunha guerra de guerrillas e egos, desbordada ademais de soberbia e pureza populista, é incapaz de asumir que a interlocución e a colaboración (verbo que implica cesión) cos outros partidos da esquerda, particularmente co PSdeG-PSOE, son algo imprescindible para poder construir unha alternativa real de goberno ao PP. A fin do tripartidismo clásico da política galega non mellorou a vida da cidadanía, simplemente fixo máis forte á dereita.

Espero que en 5 anos Sermos estea tan vivo como hoxe e poda abrirse a sectores sociais máis amplos

 

-Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista?

-Agardo intelixencia por parte da esquerda e que sexa quen de aprender dos bos exemplos do pasado, concretamente de finais dos anos 90, nos que a colaboración entre o PSdeG e o BNG, aparcando diferenzas históricas e colaborando lealmente no esencial, é dicir, no desenvolvemento de políticas progresistas e a extensión dereitos sociais, combinando esquerda posibilista e galeguismo, foi erosionando dun modo imparable, primeiro nas municipais do 99 e despois nas de 2003, o monopolio de Fraga, permitindo en 2005 lograr algo que parecía impensable 6 anos antes, que Galicia fose gobernada pola esquerda e que tralas municipais do ano 2007 a maioría de galegos e galegas tivesen gobernos progresistas. É posible facelo de novo, pero antes é preciso que as diferentes almas do PSdeG asuman que deben entenderse (debemos entendernos) para, unidos, recuperar o liderado da esquerda, pois aínda hoxe só o Partido Socialista sería quen, se estivese ao que ten que estar, de aglutinar o voto das amplas capas da esquerda, desde os votantes máis próximos ao centro ata os máis de esquerdas, voto todo el preciso para que esa alternativa ao PP deixe de ser unha utopía. Son optimista, así que agardo que en 5 anos Galicia teña outra vez un Presidente/a socialista, porque a socialdemocracia é hoxe máis necesaria que nunca.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

Espero que estea tan vivo coma hoxe e que, sen renunciar aos seus imprescindibles sinais de identidade, a defensa da lingua, da cultura e dos intereses do País, combinados coa tan necesaria visión progresista da actualidade, poda abrirse a sectores sociais máis amplos.

Comentarios