VÍDEO

Suspendido durante dez minutos o pleno de Vigo polas protestas de traballadores de Vitrasa

"Dá vergoña que vostedes sexan o partido dos obreiros", dixo un manifestante, exixindo ao Goberno local que interceda para pór fin a unha folga que dura xa máis de dous meses.
Protesta dos traballadores de Vitrasa no pleno de Vigo.
photo_camera Protesta dos traballadores de Vitrasa no pleno de Vigo. (Captura: BNG de Vigo)

O pleno de Vigo desta segunda feira suspendeuse durante dez minutos debido ás protestas do persoal de Vitrasa, a concesionaria municipal do transporte urbano. Unha vez máis, os traballadores da compañía acudiron ao pleno a exixir ao Goberno local que actúe e que poña fin a unha folga que dura xa máis de dous meses.

Foi despois de que a concelleira socialista Patricia Iglesias López tomase posesión e prometese a Constitución e durante o debate dun punto da orde do día cando os traballadores de Vitrasa aproveitaron para demandar a actuación do Executivo de Abel Caballero ante o conflito laboral que manteñen coa empresa.

Lembraron que hai meses o alcalde de Vigo prometeu un reequilibrio econónico para a empresa de forma inminente, que aínda non chegou. "Dá vergoña que vostedes sexan o partido dos obreiros", criticaron, aludindo directamente a Caballero. "Estades do lado do empresario, contra os traballadores", dixo un dos manifestantes.

E sobre as acusacións de "violencia" nas súas protestas, replicaron: "De violentos nada, 35 manifestacións e nin un só conflito. Estamos a reivindicar os nosos dereitos, que se nos actualice o soldo como se lle actualizou a Vitrasa o prezo do billete un 16% desde 2020, e nin un duro aos traballadores", lamentaron, lembrando que levan tres anos cos salarios conxelados.

Por iso, a tenente de alcalde Carmela Silva, que unha vez máis estaba a presidir o pleno pola ausencia de Caballero, decidiu suspender a sesión durante dez minutos para cesar a disputa, pedindo á Policía Local que interviñese. "Esta xente non pode estar aquí, están impedindo que se desenvolva o pleno", dixo.

Intercambio de reproches

Pasado ese lapso de tempo, a sesión reanudouse xa sen a presenza dos traballadores de Vitrasa, pero a tensión trasladouse entón ao debate político, xa que nese momento era a quenda do portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que iniciou a súa intervención afeando o comportamento de Silva e do Goberno local, que "non é capaz de escoitar nin por uns minutos" aos traballadores da concesionaria" e que "insiste en ser parte do problema".

A presidenta do pleno interrompeu a Pérez Igrexas para pedirlle que se centrase no punto da orde do día e para apuntar que tamén hai "problemas" nas sesións plenarias en Pontevedra —onde goberna o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores—. "A solución non pasa por desaloxar aos traballadores", insistiu Pérez Igrexas, mentres Silva chamaba o edil do BNG á orde en varias ocasións e advertía de que lle retiraría a palabra. "Por que non queren que falemos de Vitrasa?", insistiu o portavoz do BNG.

Carmela Silva xustificou entón que fixese "o mesmo que fai o alcalde de Pontevedra", e pediu a Pérez Igrexas que estivese "tranquilo". "Falemos do que toca, xa sei que a vostedes gústalles o ruído, montar rifa", subliñou. En resposta, Xabier Pérez Igrexas lamentou o "talante da presidencia accidental —do pleno—, que nada ten que envexar o talante autoritario do presidente ausente, que debe estar por aí de tertuliano", en alusión á ausencia de Abel Caballero.

Aliás, advertiu de que "o BNG non vai ser amordazado nin por Carmela Silva nin por Font —portavoz do Goberno vigués—" e denunciou que o PSOE ten "secuestrado" o expediente de reequilibrio económico de Vitrasa, sen informar nin á oposición nin aos cidadáns, "o que lle valeu un apercibimento da Valedora do Pobo".

Comentarios