Apela á "unidade de España"

Susana Díaz (PSOE) aposta en non pactar con Podemos

A presidenta da Junta de Andalucía e secretaria xeral do PSOE andaluz, Susana Díaz, rexeitou esta sexta feira a posibilidade de acordos post electorais con forzas políticas que apostan na “ruptura de España”.

Susana Díaz deixoulle claro a Pedro Sánchez que o PSOE non pode pactar con formacións políticas que formulan a “ruptura de España” –en clara alusión a Podemos-. Do partido de Pablo Iglesias di que “non lle preocupa que Mariano Rajoy estea na Moncloa, senón que o que quere é gañarlle ao PSOE”.

Nunha entrevista concedida á Cadea Ser esta sexta feira, 25 de decembro, a presidenta andaluza critica que Podemos puxera en cuestión “o que para nós é intocábel, que é a unidade de España”. “No fondo non queren chegar a un acordo”, apuntou Susana Díaz respecto do partido liderado por Pablo Iglesias.

Díaz insistiu en que o PSOE ten que votar contra a investidura de Rajoy como presidente, ao entender que o PP “fixo moito dano”. “Os socialistas comprometémonos cos cidadáns a que non iamos permitir máis políticas de sufrimento”, salientou, para após volver sinalar que “non podemos permitir que outros partidos pretendan xogar coa unidade de España”.

Esta segunda feira, 28 de decembro, Díaz transmitiralle o seu parecer a Pedro Sánchez no Comité Federal que reunirá os responsábeis políticos do PSOE.

Comentarios