18-F

Lois reivindica a importancia do voto das mulleres para que Galiza teña “un goberno a tres”

O acto contou tamén con Aina Vidal, que pediu o "voto útil" para poder "frear a dereita"

Rocío Núñez, Aina Vidal e Marta Lois, este sábado, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rocío Núñez, Aina Vidal e Marta Lois, este sábado, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A candidata de Sumar á presidencia da Xunta da Galiza, Marta Lois, participou este sábado en Compostela no encontro ‘Galiza, territorio das mulleres' no CSC Maruxa e Coralia, xunto a portavoz adxunta de Sumar no Congreso, Aina Vidal, e varias candidatas, onde reivindicou "que as mulleres serán decisivas no cambio político histórico do 18-F".

No acto, Lois puntualizou que "o verdadeiro voto útil, o voto decisivo para deixar atrás as políticas de abandono e de malos tratos na Galiza que teñen que ver co señor Rueda", é o voto das mulleres, que son "a voz de Sumar ".

Ademais, pediu ás mulleres e á xente nova a súa mobilización o 18 de febreiro para votar a Sumar, facer que o Partido Popular perda a maioría absoluta e que a Galiza teña "un goberno a tres". Pois "Sumar quere moito máis", queren políticas feministas, onde as mulleres estean no centro.

A candidata de Sumar tamén recalcou que o partido ten "políticas útiles" e que son "unha forza política feminista, verde e laborista", que xa demostrou no Estado español que as políticas útiles do Goberno de coalición melloran a vida das mulleres, por exemplo, expuxo, a subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), que "permitiu que 136.000 galegas mellorasen as súas condicións".

"A forza que marque a diferenza"

Pola súa banda, Aina Vidal falou no coloquio da importancia de que gañe un goberno con capacidade de transformación e celebrou tres cosas: a posibilidade visíbel de cambio "que demostran todas as enquisas", a posibilidade de "frear a dereita e o tándem de odio que representa o PP coas ideas de Vox" e a terceira, que "Sumar está por segunda vez ao dispor de ser a forza que marque a diferenza", coa posibilidade, "grazas a Sumar, dun tripartito".

Así, cre "fundamental entender que o voto útil e decisivo pasa por Sumar ", puntualizando que "queren que lles vaia ben aos outros compañeiros de viaxe", BNG e PSdeG, "con quen formará goberno", para "terminar coa corrupción" e impulsar as políticas sociais, a economía, o mar, e en todo o relativo á vida, "sen o Partido Popular gobernando".

 

Comentarios