23-X

Sumar advirte que o cambio climático "pode converter Galiza no norte de África"

"A transición ecolóxica non é algo só inevitábel, senón que debe ser positivo para o noso país, para a vida das persoas", sinala Manuel Lago.
A candidatura de Sumar pola Coruña visitou hoxe Outes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A candidatura de Sumar pola Coruña visitou hoxe Outes. (Foto: Nós Diario)

Sumar Galicia advertiu esta cuarta feira, nun novo acto de campaña, que as consecuencias do cambio climático poden nun futuro converter Galiza "no norte de África" ante o proceso de "desertificación" que afronta a península ibérica, polo que a formación que lidera Yolanda Díaz instou a adoptar, con carácter urxente, medidas para unha "transición enerxética que sexa xusta".

Así o manifestou a cabeza de lista ao Congreso de Sumar pola Coruña, Marta Lois, durante a súa visita esta cuarta feira ao Espazo Museístico da Carpitería de Ribeira Estaleiro do Ciprián, en Outes (comarca de Noia). "Todos os datos científicos falan dun proceso claro de emerxencia climática, de desertificación da península ibérica, que en calquera momento pode traer, en concreto para Galiza, o risco de converternos no norte de África", incidiu Lois.

Neste senso, avogou por unha "transición ecolóxica xusta", que definiu como un "reto colectivo" que fai necesario incorporar desde a política "aos actores económicos e os actores sociais". A ex edil compostelá sinalou o modelo do Estaleiro do Ciprián como un exemplo que permite "pór en equilibrio" cuestións como a industria, a protección do patrimonio e a cultura.

"A transición ecolóxica non é algo só inevitábel, senón que debe ser positivo para o noso país, para a vida das persoas. Pero tamén para o desenvolvemento do territorio", engadiu Manuel Lago, número dous pola Coruña. "Transición ecolóxica e transformación enerxética", reiterou, co obxectivo de que Galiza sexa "unha potencia produtora de enerxía estábel, segura, limpa e barata" e que "permita desenvolver industrialmente o noso país".

Mais iso, matizou, "ten que ser absolutamente compatíbel cun sinal de identidade de todo o país, tanto na terra, a paisaxe, como no mar, a pesca", valores que chamou a defender.

Comentarios