Na transición avaliouse a posibilidade de facer un referendo sobre que forma de Estado debía ter España, monarquía ou república. Unha consulta que pedían gobernos estranxeiros a instancias de Felipe González, líder do PSOE. Mais non houbo tal referendo e a razón foi porque os inquéritos prognosticaban unha derrota da opción monárquica. Todo isto contouno Adolfo Suárez, ex-presidente español, a Victoria Prego nunha entrevista concedida en 1995 e que permaneceu inédita até o de agora, que vén de ser emitida en La Sexta.
Suárez sobre referéndum Monarquía-República: "Hacía encuestas y perdíamos, metí al Rey en la Ley y dije q se había sometido a referéndum ya" pic.twitter.com/wtW4SzlWDE
— laSexta columna (@laSextaColumna) 18 novembro 2016
Nesa entrevista Adolfo Suárez afirma que “era Felipe González o que estaba pedindo a outros que o pedisen [o referendo]”. Unha confesión que Suárez fixo a Prego na entrevista para Antena 3 pensando que non estaba a ser gravado foi a de que se realizaron sondaxes e inquéritos e estes apontaban a que perdía a monarquía.
O goberno optou por meter “a palabra rei e a palabra monarquía” na lei de Reforma Política de 1977. Con esta manobra, confesa Suárez, “dixen que xa fora sometido a referendo” ao se aprobar a lei e garantiu que a monarquía sobrevivise.