Así é o "sistema fiscal progresivo" que o Goberno propón para implementar peaxes nas autovías

O actual modelo de financiamento de estradas é "insostíbel", afirma Pardo de Vera.
Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Ana Varela)
photo_camera Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Ana Varela)

A secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, expuxo esta quinta feira a posibilidade de crear un sistema progresivo, no que se teña en conta a capacidade económica de cada persoa usuaria, para a implementación das peaxes en todas as autovías.

Durante a súa participación nunha comisión do Congreso para explicar os Orzamentos Xerais do Estado de 2023, Pardo de Vera admitiu que o actual modelo de financiamento de estradas é "insostíbel". Os datos, dixo, apuntan a un déficit de 9.000 millóns de euros.

"Se houbese un pacto, que o tería que haber máis aló dos tempos políticos, este tema estaría solucionado, mais todos os gobernos deron unha patada cara adiante e non fixeron nada. Isto é non moverse para que ninguén saia na foto e saian as gadoupas, pero eu non concibo o Congreso como unha selva", manifestou.

Posteriormente, explicou que o seu departamento preferiría deseñar a gratuidade do transporte público, que xa se aplica desde setembro aos trens de Proximidade e Media Distancia, desde un punto de vista de progresividade fiscal, xa que hai viaxeiros e viaxeiras recorrentes que poden permitirse pagar o billete e outras que non.

Con todo, a especial conxuntura provocou que esta decisión se tomase axiña e facer gratuítas as viaxes de forma xeneralizada, sen ter en conta a renda de cada persoa.

Pardo de Vera vencellou esta progresividade á implementación das peaxes das autovías dicindo que "hai que tomar estas medidas desde un punto de vista progresivo". En calquera caso, insistiu en que se presentará un modelo cando haxa un consenso político sobre un tema que, cre, debe abordarse "con criterios de vertebración territorial, igualdade e seguridade".

Nos Orzamentos do próximo ano, a secretaria de Estado lembrou que se destinarán perto de 2.700 millóns de euros a manter e ampliar a rede de estradas, case 9% máis que hai un ano, con especial énfase na conservación das estradas.

"Temos a obriga de planificar un sistema que permita o seu financiamento e que non decaia en función dos ciclos políticos e económicos e permita cubrir os custos de mantemento, integrar as externalidades negativas do transporte por estrada e modernizar toda a rede e a súa explotación cara a un futuro eléctrico", concluíu.

Comentarios