O Sergas derivou de 2013 a 2017 case 350.000 doentes á privada

Supuxo un custo de 611 millóns de euros. ““A derivación de doentes é constante e agora están poñendo o acelerador”, denuncia a deputada do BNG Montse Prado.

urxencias hospital

O Sergas derivou no período 2013-2017 un total de 348.415 doentes a centros privados cos que mantén algún tipo de concerto económico. Unha situación que supuxo un custo para as arcas públicas de por volta de 611 millóns de euros, segundo a información facilitada pola Xunta á pregunta formulada polo  BNG na comisión parlamentar de Sanidade.

Montse Prado, do BNG, considera que estes datos veñen confirman “a privatización sen pausa da sanidade pública emprendida polo PP”, mentres se procede a un desmantelamento progresivo do sistema público de saúde, con menos profesionais e recursos.

Derivacións

Segundo informan os nacionalistas, os doentes derivados corresponden a 125.904 para cirurxía e 222.511 para probas diagnósticas, un 2,2% do total das persoas.

Prado salientou a situación “da sanidade real en contraposición á imaxe que proxecta o PP a base de propaganda, cando están nun proceso de deterioro da sanidade pública para facilitar o traslado de doentes e de recursos á sanidade privada”.

“A derivación de doentes é constante e agora están poñendo o acelerador”, advirte a parlamentar, que incide na “preocupación evidente” da poboación: “Preguntan que poden facer para non ter que ir á privada, co temor de que senón aceptan os penalizan ou directamente os sacan da lista de espera”.

Comentarios