Parlamento

Quen é quen nas comisións do Parlamento galego?

Rueda aínda non despexa dúbidas sobre o novo Goberno.
Ethel Vázquez, Elena Candia, Miguel Santalices, Montse Prado e Patricia Igrexas, esta segunda feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Ethel Vázquez, Elena Candia, Miguel Santalices, Montse Prado e Patricia Igrexas, esta segunda feira. (Foto: Arxina)

As comisións do Parlamento galego na XII Lexislatura ficaron constituídas na mañá desta segunda feira sen despexar dúbidas sobre as persoas que integrarán o novo Goberno de Alfonso Rueda, que incluíu todos os actuais membros do seu Executivo en funcións na Deputación Permanente. Deste modo, forman parte do órgano que substitúe o pleno en períodos non hábiles o propio Alfonso Rueda e todos os conselleiros e conselleiras en funcións.

Porén, o grupo popular non inclúe ningún dos dez conselleiros en funcións nas comisións permanentes, nas que si figuran algúns populares que ocuparon altos cargos na anterior lexislatura e que tiveron que deixar as súas responsabilidades para concorrer nas listas do 18-F. É o caso do ex secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, que foi elixido vicepresidente da comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, coa popular Marisol Díaz na Presidencia e a socialista Paloma Castro na Secretaría.

Ademais, o ex delegado da Xunta da Galiza en Lugo, Javier Arias, foi elixido vicepresidente da comisión da CRTVG, que ten a popular Raquel Arias como presidenta e a deputada do BNG Alexandra Fernández como secretaria. Os ex delegados da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e Ferrol, Martina Aneiros, desempeñarán a vicepresidencia e a secretaría da Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, baixo a Presidencia de Noa Presas (BNG).

Gabriel Alén, ex delegado da Xunta en Ourense, ocupará a vicepresidencia da Comisión 4ª, de Educación e Cultura, un órgano que preside o popular Rubén Lourenzo e que ten como secretario o nacionalista Daniel Castro. Carmen Pomar, conselleira de Educación nunha das etapas de Alberto Núñez Feixoo na Presidencia da Xunta, será a presidenta da Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, mentres que María Martínez (PP) ocupará a Vicepresidencia e Paulo Ríos (BNG), a Secretaría.

A Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego estará presidida por Noelia Pérez (PP), con Roberto Rodríguez (PP) como presidente, e con Iria Carreira (BNG) como secretaria. 

Cristina Sanz e Victoria Núñez (PP) ostentarán a Presidencia e a Vicepresidencia, respectivamente, da Comisión 6ª, de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, a cal terá a Ramón Fernández, 'Mon', (BNG) como secretario. Elena Candia (PP) presidirá a Comisión 7ª, de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes; José Silvestre Balseiros (PP) será vicepresidente e Montse Valcarce (BNG), secretaria. Ademais, José Manuel Balseiro (PP) preside a Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo, coa popular Marta Mariño na Vicepresidencia e a nacionalista Carmela González na Secretaría. Borja Verea (PP) será o presidente da Comisión para as Relacións co Consello de Contas, Carmen Pomar, vicepresidenta, e Julio Abalde (PSdeG), secretario.

Con todo, a composición destes órganos permanentes verase previsibelmente alterada cando o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, dea conta dos nomes que integrarán o seu novo Goberno.

Medran as comisións

Coa entrada do deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea, as comisións permanentes medran de 12 a 17 integrantes, co obxectivo de que se "reflicta a proporcionalidade do pleno": o PP conta con nove parlamentarios, o BNG, con cinco e o PSdeG mantén dous en cada comisión permanente do Parlamento.

Comentarios