Rolda de contactos

O PP di que Rueda será investido “pola vontade dos galegos”

Pazos Couñago defende os prazos de investidura de Rueda e afea o BNG sacar debates "máis propios de programas do corazón"

EuropaPress_5860911_portavoz_parlamentario_ppdeg_alberto_pazos_reune_jefe_legislativo (1)
photo_camera Alberto Pazos Couñago con Miguel Santalices (Foto: Europa Press)

O PP, cunha maioría absoluta obtida nas eleccións galegas do 18-F de 40 dos 75 escanos que conforman o hemiciclo do Parlamento galego, propiciará a semana próxima que Alfonso Rueda sexa investido por segunda vez presidente da Galiza. Farao, segundo defendeu esta terza feira o seu portavoz parlamentario, Alberto Pazos, no marco duns prazos "regulamentarios e axustados".

Así o defendeu, en declaracións aos medios após reunirse co xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, no marco da rolda de consultas preceptiva para que continúe o arranque da XII Lexislatura e que terá como seguinte paso a comunicación ao propio Roda de que será o candidato proposto para presidir a Xunta.

Antes del, a líder do BNG, Ana Pontón, avanzara que os 25 deputados nacionalistas votarán en contra da investidura de Rueda, á vez que censuraba "atraso" nos prazos e vinculábao coa voda do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida. A apreciación foi criticada por Alberto Pazos, quen lamentou que os nacionalistas incorporen debates "máis propios de programas do corazón".

"Iso é o que a min paréceme rechamante", advertiu, antes de defender que os prazos son "axustados" e de recalcar que introducir "outro tipo de variábeis" resulta "ridículo". "Non sei se alguén tiña un calendario alternativo que expor, pero nos órganos regulamentarios non o fixo ninguén", remarcou, a continuación.

Máis aló, Pazos remarcou que para el é "unha honra" exercer como "instrumento da maioría dos galegos que o 18 de febreiro decidiron que o grupo maioritario da Cámara fose o PP".

Ratificou que Rueda terá o respaldo dos 40 deputados populares e que, "nos prazos previstos", arrincará o mandato, conformarase o novo Goberno galego e traballarase "pola vontade dos galegos".

Comentarios