Rolda de contactos

O BNG non apoiará a investidura de Rueda como presidente: "É incapaz de defender os intereses da Galiza"

Pontón argumenta que o líder do PP representa un proxecto que "repite receitas fracasadas" e erixe o nacionalismo como "a alternativa". Lamenta, ademais, que "supedite a axenda galega a vodas e festexos do PP".

 

EuropaPress_5860790_ana_ponton_bng_despacho_miguel_santalices_ronda_consultas (1)
photo_camera Ana Pontón e Miguel Santalices durante a reunión desta terza feira na rolda de consultas para a investidura (Foto: Europa Press)

A líder e portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, avanzou esta terza feira que a formación votará en contra da nova investidura como presidente da Xunta da Galiza de Alfonso Rueda -chamada a saír adiante a semana próxima co apoio na Cámara da maioría absoluta do PP-, á vez que lle afeou "supeditar a axenda galega a vodas e festexos do PP"

No marco da preceptiva rolda de consultas, Pontón ratificou que comunicou ao xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, que o BNG non presentará candidatura porque "é coñecido o resultado do 18-F", cita coas urnas nas que os populares lograron revalidar a maioría absoluta con 40 escanos.

Mais subliñou que lle chama "a atención" que a Galiza "vaia a ter que agardar case dous meses para deixar atrás un presidente interino" e apuntou que Rueda é "o responsábel do atraso" xa que "supedita a investidura á voda do alcalde de Madrid", José Luis Martínez-Almeida, que casa este sábado 6 de abril.

"Que para o PP galego a axenda galega estea supeditada a vodas e festexos do PP parécenos un feito rechamante", esgrimiu a dirixente nacionalista, antes de profundar nos motivos cos que xustificou o rexeitamento da súa formación para apoiar a investidura de Rueda. Representa, dixo, "un proxecto que repite receitas fracasadas e a unha forza que leva facendo que retroceda a Galiza".

Tamén esgrimiu que o PP, con Rueda á fronte, "representa os recortes de sanidade e o aumento das listas de espera poñendo en risco a saúde dos galegos". Ademais, afeou que é un candidato que non foi "capaz" de impulsar unha rede pública de residencias e consolidou "un modelo de coidados baseado en facer negocio coa vellez".

Ao líder do PP botoulle en cara tamén "dinamitar as políticas de vivenda coas consecuencias xa coñecidas", e dirixir un partido que simboliza "o espolio da riqueza eólica" e que "quere pór a riqueza eléctrica ao servizo dun puñado de multinacionais". Tamén no plano económico, esgrimiu que o PP representa "as mesmas receitas fracasadas" c "coa única alternativa de apoiar proxectos megacontaminantes como o da macrocelulosa de Altri, que non quere Portugal polas súas nefastas consecuencias".

“Incapacidade para defender os intereses da Galiza”

Ao líder do PP galego Pontón botoulle en cara a "incapacidade" para defender os intereses da Galiza, que exemplificou con "15 anos sen lograr nin unha soa transferencia, nin sequera a xestión do litoral como si fixeron outras comunidades como Andalucía, Canarias ou Catalunya".

Pontón tamén deu por feito que os populares "supeditarán" a defensa dos intereses galegos "á estratexia de crispación do PP en Madrid", denunciou o "ambiente irrespirábel" nos medios públicos galegos e reprobou a súa procura de "unha democracia de baixa calidade ao ocultar información relevante ao Parlamento como os contratos con Eulen" ou a súa negativa para auditar os da pandemia.

Tamén advertiu que Rueda lidera un Goberno que "deixa atrás a Galiza en ciencia e innovación", mentres propicia "a emigración xuvenil e a destrución de emprego" nos sectores produtivos.

"Este é un proxecto que repite receitas fracasadas", sentenciou, á vez que situou o BNG como "alternativa clara" para a Galiza, un país que "necesita", concluíu, un Goberno que impulse medidas "diferentes". A iso, concluíu "aspiran" os nacionalistas e con tal fin traballarán nesta XII Lexislatura.

Comentarios