Que significa a sandía que levou Pontón ao Parlamento galego e que xa vimos na investidura no Congreso?

O símbolo estase a popularizar estes días

ponton
photo_camera Ana Pontón co pin coa sandía

Deputadas e deputados de diferentes grupos políticos portaban esta cuarta feira no pleno do Parlamento Galego insignias coa imaxe dunha sandía como símbolo de solidariedade co pobo palestino. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a viceportavoz parlamentaria da formación nacionalista, Olalla Rodil, ou a deputada do PSdeG Noa Díaz, foron algunhas das parlamentarias que luciron este símbolo.

Un símbolo, a sandía, que se está a popularizar estas semanas, nomeadamente en cámaras lexislativas, como a irlandesa, italiana ou a española. Nesta última, deputados e deputadas de Sumar, BNG e ERC levaron a imaxe da sandía na lapela. 

Esta iniciativa, impulsada pola Coordinadora Galega de ONG o Desenvolvemento, busca pór o foco na crítica situación que vive a rexión e exhortar á comunidade internacional a esixir o cesamento inmediato da ofensiva israelí en Gaza e Cisxordania.

A elección deste símbolo non é casual. O uso da sandía, que comparte as cores da bandeira palestina (vermello, negro, branco e verde) popularizouse tras a Guerra dos Seis Días de 1967, cando Israel fixou como delito a exhibición pública da bandeira palestina en Gaza e Cisxordania, territorios que ocupou naquel momento. Na actualidade a sandía representa a solidariedade con Palestina en todo o mundo.

As insignias foron entregadas aos representantes galegos  xunto cunha carta asinada por 650 organizacións na que se insta todas as forzas políticas a comprometerse co dereito internacional e humanitario. Catro organizacións da Coordinadora Galega de ONGD traballan dende hai máis de dúas décadas en territorio palestino ofrecendo axuda humanitaria e desenvolvendo proxectos de cooperación con entidades locais: Médicos do Mundo, Movemento pola Paz, Asemblea de Cooperación pola Paz e Farmamundi.

Comentarios