Sanchez remite a En Marea as súas ofertas para que apoien a súa investidura

O PSOE remite tamén documentos a Podemos, En Comù Podem, Compromís e IU para un pacto de investidura. No remitido á coligazón galega propón revisar a prórroga a Ence ou medidas para o agro e pesca galegas, entre outras cuestións.

en marea fernán vello gomez reino yolanda díaz

O PSOE remitiu esta segunda feira a En Marea, Podemos, En Comú Podem, Compromís e Izquierda Unida as súas ofertas para que apoien a investidura de Pedro Sánchez. Son cinco documentos, que partillan un tronco común en gran parte das medidas propostas, se ben en cada un deles fai ofertas e propostas diferentes, en base á formación á que se dirixen. Así, na remitida a En Marea, ofrecen revisar a prórroga de Ence ou procurar un novo reparto de cotas en especies como o xurelo e a xarda.

O documento consta de 17 páxinas,comezando coa valoración dos socialistas do resultado do 20-D e o escenario xerado. O PSOE indica que das urnas saiu unha demanda de cambio e eso é o que teñen que dar resposta as formacións. Defende o pacto con Ciudadanos mais dicindo que “somos conscientes de que ten que ser complementado con outros” pactos para que participen forzas “progresistas e de esquerdas”.

A seguir, o documento esténdese nunha serie de propostas que van desde unha 'axenda de emerxencia social' a accións de cara a “reconstruír e modernizar o estado de benestar”. Oferta tamén medidas a desenvolver no mercado laboral, na loita contra a corrupción.

“Medidas específicamente compartidas”

A partir da páxina 14 do documento éntrase no que se define como 'Medidas especificamente compartidas'. É aquí onde o PSOE pon riba da mesa ofertas dirixidas a cuestións máis centradas en Galiza. Son catro bloques, o primeiro deles centrado nunha política industrial “con especial incidencia no naval”. En 'Desenvolvemento rural, agricultura e pesca' (segundo bloque), é onde se propón desde un novo reparto de cotas pesqueiras para a frota até garantías de cumprimento do acordo lácteo e a definición dun prezo sostíbel para cada elo da cadea de valor.

Tamén se abre o PSOE a falar da retirada da prórroga de Ence. Faino no bloque tres, centrado en 'Medio-Ambiente' e no que tamén se recolle a rexeneración das rías galegas, facendo especial fincapé na do Burgo.

E, por último, no apartado de 'Educación e Cultura', o PSOE oferta unha lei que “defenda e promova” en todo o Estado as linguas como “patrimonio cultural que nos identifica”. Tamén propón “a difusión das linguas co-oficiais a través do Instituto Cervantes”.

Comentarios