Acusa En Marea de ser unha sucursal de Podemos

Sánchez di en Pontevedra que o non de Iglesias á súa investidura permite a Ence continuar na ría

A permanencia de Ence na Ría de Pontevedra non puido ser "revisada" polo goberno estatal a consecuencia do bloqueo de Podemos "e as súas confluencias" á investidura do candidato do PSOE, afirmou esta quinta feira Pedro Sánchez nun acto na cidade do Lérez.

Pedro Sánchez. Mitin en Pontevedra. Eleccións xerais 2016.
photo_camera Pedro Sánchez mitinea en Pontevedra

Desembarcou Pedro Sánchez na Galiza e fíxoo para lanzar un fortísimo ataque a En Marea, coligazón de tres partidos -Podemos, Anova e EU- que o pasado 20D deu o sorpasso ao PSdeG-PSOE.

Sánchez deixou basicamente unha mensaxe: o bloqueo de Podemos e as súas confluencias á candidatura "do cambio" que el encabezaba impediu o desaloxo de Rajoy da Moncloa e, en chave local, que un novo goberno puidese "revisar" a permanencia de ENCE na Ría e, portanto, sanear este espazo natural de grande potencial produtivo.

Mais non cargou só contra Podemos, senón que dirixiu os seus míseis dialécticos directamente a En Marea, de quen dixo que era unha "sucursal" da formación morada. Alegou que En Marea antepuxera os intereses tácticos de Podemos ás necesidades da Galiza na negociación para o apoio á súa candidatura como presidente.

No acto -realizado no Café Moderno- tamén tomou a palabra Xaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG-PSOE, quen dixo que Galiza non se podía entender "sen o meio rural e sen a pesca", sectores que considerou "o corazón do país"

Comentarios