A 'saída' de Conde ao Congreso obrigaría a Rueda a remodelar o Executivo galego

O vicepresidente Conde entra nas quinielas para liderar a lista do PP ao Congreso por Lugo.

Francisco Conde e Alfonso Rueda, a pasada cuarta feira, 7 de xuño. (Foto: David Cabezón)
photo_camera Francisco Conde e Alfonso Rueda, a pasada cuarta feira, 7 de xuño. (Foto: David Cabezón)

Amigo persoal de Alberto Núñez Feixoo, colaborador primeiro e conselleiro despois durante a súa etapa á fronte do Goberno galego, o vicepresidente primeiro da Xunta de conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, entrou nas quinielas das listas do PP para o próximo 23 de xullo (23-X) como o mellor posicionado para liderar a candidatura ao Congreso pola circunscrición de Lugo.

Fontes do partido consideran que, dada a súa proximidade co líder de Os Peares e sendo un dos poucos do seu núcleo duro que non o acompañou na súa “fuxida” a Madrid, é o dirixente con máis opcións para ocupar o principal posto de saída por Lugo. É máis, no PP son moitos os que ven Conde dentro do Executivo de Feixoo, no hipotético caso de que lograse acceder á Moncloa.

Non sería, ademais, a primeira vez que Feixoo elixe o monfortino para encabezar unha lista electoral: xa o fixo nas eleccións galegas, tamén por Lugo.

A decisión, se se confirma, obrigará ao actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a remodelar o seu Executivo no último tramo da lexislatura. O propio Rueda dixo de Conde no seu día que era "imprescindíbel" na Xunta, onde ten non só a Vicepresidencia Primeira, senón as áreas de Economía e Industria, de especial relevancia.

Rueda non só tería que buscar un novo responsábel para Industria (en situacións similares, Feixoo optou pola 'promoción interna’) senón tamén decidir se 'ascende' a Diego Calvo, actual vicepresidente segundo do seu Goberno, que sería o paso máis obvio, a vicepresidente primeiro, e se crea algunha outra vicepresidencia para dar realce a algún integrante máis do seu Executivo.

Tería que cesar case de inmediato

Dado que o prazo para presentar as listas culmina o 19 de xuño e a previsión do Partido Popular non é esgotalo, a crise de goberno abriríase de inmediato, tendo en conta que a Lei do Réxime Electoral Xeneral determina que Conde se atoparía nun suposto de inelixibilidade de manter o seu cargo.

En concreto, fai constar no seu artigo 154 que non son "elixíbeis" para o Congreso dos Deputados os presidentes e membros dos Consellos de Goberno das comunidades, así como os cargos de libre designación dos devanditos consellos e os membros das institucións que, por mandato estatutario ou legal, deban ser elixidos pola Asemblea Lexislativa correspondente.

Barreiro para o Senado

Feixoo trasladou “aos territorios” a súa vontade de asumir el directamente as decisións sobre os cabezas de cartel e na Galiza reflectirase, previsiblemente, non só con Conde, senón tamén se Miguel Tellado encabeza a candidatura ao Congreso pola Coruña. No ámbito do partido teñen asumido que súa será a última palabra.

En Lugo, a continuidade de Jaime de Olano podería ratificarse ocupando o segundo posto da lista. As dúas seguintes integrantes da lista deberían ser mulleres, debido a que deben ser en 'cremalleira'. Para o Senado, fontes do partido dan por feita a continuidade de José Manuel Barreiro.

Comentarios