Cales son os nomes que máis soan para liderar as listas do PP ao Congreso e ao Senado na Galiza?

A falta de poucos días para que arrinque o prazo de presentación, aberto a partir de mediados da semana que vén, estas son as persoas que poden encabezar as listas do PP nas catro circunscricións galegas.
O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

"Incerteza" e "hermetismo". Son as dúas palabras máis recorrentes coas que cargos populares galegos definen a situación no que respecta á confección das candidaturas ao Congreso e ao Senado para as eleccións xerais do 23 de xullo.

A falta de poucos días para que arrinque o prazo de presentación, aberto a partir de mediados da semana que vén, crese que só hai dúas premisas "claras": que son os comicios aos que concorre Alberto Núñez Feixoo, que terá a última palabra, e que é "previsíbel" que, dado que incluíu numerosos galegos no seu ‘núcleo duro’, algúns se incorporen nas listas.

É o caso do vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, a quen a práctica totalidade de dirixentes consultados ven á cabeza da candidatura coruñesa ao Congreso, na cal tamén podería integrarse en postos de saída polo menos outro dos homes 'fortes' de Feixoo en Xénova, Álvaro Pérez, quen xa concorreu previamente en listas pola Coruña en eleccións galegas.

Nos últimos comicios xerais, en novembro de 2019, os populares lograron tres escanos pola circunscrición coruñesa, aínda que agora confían en conseguir un cuarto. Entón encabezou a lista a compostelá Marta González, con Tristana Moraleja no número dous e Valentina Martínez no tres. Tanto a González como a Moraleja dáselles internamente máis opcións de repetir.

Está por ver que ocorre no Senado, onde hai catro anos tiveron acta Miguel Lourenzo, quen concorreu como candidato á Alcaldía da Coruña o 28-M e o ferrolán Juan Juncal.

Lugo e Ourense

Na circunscrición de Lugo, onde o PP obtivo dous escanos en 2019, un dos seus deputados, Joaquín García Díez anunciou publicamente na xuntanza do PP de Lugo a súa intención de non repetir como deputado.

No ar está se volverá ser incluído Jaime de Olano, quen foi o cabeza de cartel catro anos atrás e ten unha ampla traxectoria na Cámara baixa. Si se dá por segura, á espera do fechamento das listas, que José Manuel Barreiro continuará con acta no Senado.

En Ourense nas últimas xornadas especulouse coa posibilidade de que o candidato na cidade, Manuel Cabezas, optase ao Senado, aínda que fontes da súa contorna descartan que estea nesa tesitura nun momento no cal o que o preocupa, reafirman, é poder dar un goberno á cidade de Ourense.

Mentres, no Congreso, tiveron actas dous veteranos populares que, en principio, manteñen boa relación con Feixoo, polo que terían opcións de seguir: Ana Belén Vázquez e Celso Delgado.

Circuncrición de Pontevedra

A circunscrición de Pontevedra está nunha situación na cal sería necesario encaixar varios factores. Por exemplo, transcendeu que se lle ofreceu encabezar a lista ao Congreso a Marta Fernández-Tapias, tras perder peso como opción a dirixir a Deputación de Pontevedra fronte ao líder dos populares en Pontevedra, Luis López.

Ela declinou esta opción para "centrarse en Vigo", pero o propio líder galego do partido, Alfonso Rueda, afirmaba esta semana que os resultados da cidade olívica (ao gañar votos e lograr o retroceso do PSOE de Abel Caballero) xustificaban esta oferta, e daba a entender -sen precisar o posto exacto- que outro vigués "representará os intereses de toda Pontevedra" nas listas.

Máis alá, está por ver o futuro da ex ministra Ana Pastor, que tradicionalmente encabezaba a lista pontevedresa, aínda que nas últimas eleccións Pablo Casado a situara como a súa número dous por Madrid; e non se descarta a posibilidade dun "cambio de cromos" entre o Congreso e o Senado.

Salvo sorpresa, fóra quedarán da Cámara baixa o vigués Diego Gago, e tamén Javier Guerra do Senado. Guerra competiu con Tapias polo liderado do PP vigués e foi derrotado.

Refuxio de cargos?

Sen entrar en nomes nin en prazos, a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, defendeu que na Galiza os populares buscarán "os mellores perfís" e non "refuxio para cargos que quedaron fóra das institucións" como, censurou, fan "outros partidos".

A incerteza que reina nos cargos galegos do PP durará poucos días, dado que entre o 14 e o 19 de xuño os partidos teñen que presentar nas xuntas electorais as súas candidaturas ao Congreso e ao Senado, segundo consta no decreto de convocatoria das xerais publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Segundo os Estatutos do PP, tras as propostas, a aprobación das candidaturas que se presentarán nas eleccións ás Cortes Xerais corresponde ao Comité Electoral Nacional, un órgano que preside o galego Diego Calvo, quen é tamén vicepresidente segundo da Xunta.

Ademais, a coordinación electoral na confección das candidaturas recaeu, precisamente, noutro galego: o vicesecretario de Organización Territorial, Miguel Tellado.

Comentarios