Sabes cal é o centro xeográfico da Galiza?

A Deputación de Lugo impulsa a construción do Parque Central da Galiza no centro xeográfico do país.
O centro xeográfico da Galiza localizado no Google Maps.
photo_camera O centro xeográfico da Galiza localizado no Google Maps.

E onde está localizado? No lugar de Nugallás, na parroquia de Amarante, no concello de Antas de Ulla. É aí, na comarca da Ulloa, onde a Deputación de Lugo espera ver avances, canto antes, nos trámites para construír o Parque Central da Galiza.

A institución insta ao alcalde de Antas de Ulla a axilizar os trámites para poder acometer as obras de construción deste parque, un proxecto que busca pór en valor o centro xeográfico do territorio.

O Instituto Xeográfico Nacional confirmou, a petición do Instituto de Estudos Ulloáns, que o centro xeográfico da Galiza está nun punto concreto da aldea de Nugallás, que podedes atopar seguindo estas coordenadas: 7º54'38,99''W  42º45'25,15''N.  

Posta en valor

Segundo informa a Deputación de Lugo nun comunicado, logo de múltiples xestións co Concello de Antas e de chegar a un acordo co Instituto de Estudos do Territorio da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta da Galiza para realizar algunha modificación no proxecto inicial do Parque Central do centro xeográfico da Galiza, o servizo de Medio Ambiente da Deputación de Lugo remitiu ao Concello de Antas e ao Instituto de Estudos do Territorio o proxecto modificado.

Trátase da documentación necesaria que dá cumprida resposta ao informe técnico remitido dende o Concello de Antas de Ulla, relativo ao requirimento efectuado pola entidade local, sobre o procedemento de aprobación do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a creación do Parque Central.

Agora, a entidade espera que o alcalde de Antas de Ulla convoque o antes posíbel un Pleno do Concello e aprobe o Plan Especial para poder construír o parque. A veciñanza da comarca, di, "non entendería que o Concello non colaborase e puxera trabas para aprobar o citado Plan Especial, dilatando no tempo este trámite sen razón obxectiva".

Neste sentido, a Deputación non descarta encargar aos Servizos Xurídicos iniciar as accións legais-xudiciais oportunas para poder sacar adiante este proxecto de non contar coa "colaboración leal" do Concello.

O Parque Central da Galiza

A institución provincial ten adxudicadas dende o pasado mes de marzo as obras do Parque Central por un importe de 1,3 millóns de euros. O inicio dos traballos, advirte, só depende da axilidade coa que o Concello aprobe o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións.

O proxecto inclúe a colocación dun pórtico visíbel dende a estrada a LU-P-030 que dá acceso ao Parque, un monólito situado xusto no centro xeográfico da Galiza, unha praza, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil e fontes, ademais da iluminación, sinalización e mobiliario.

Cando comecen as obras, o prazo de execución será de 5 meses, un mes menos do inicialmente previsto porque a empresa adxudicataria se comprometeu a facelas neste tempo.

Un revulsivo para a Ulloa

O Parque Central da Galiza, recalca a Deputación de Lugo, suporá "un revulsivo moi importante para a promoción do concello de Antas de Ulla", da comarca da Ulloa e do conxunto de Lugo dentro e fóra da Galiza, e polo tanto a "para a economía e o emprego, pola súa capacidade de atracción e de dinamización turística, o que representa tamén unha aposta polo reequilibrio territorial e por fixar poboación no rural".

Comentarios