UN DOS NOVOS NOMES DA PERMANENTE DE GALIZA NOVA

Sabela Bará: “Á mocidade galega interésalle afortalar o nacionalismo”

Estudante de Tradución na Universidade de Vigo, Sabela Bará é un dos novos nomes da permanente que foi elixida na asemblea de Galiza Nova realizada o pasado domingo. O nacionalismo é, ao seu ver, o proxecto que beneficia ao país e a súa mocidade. 

Sabela Bará
photo_camera Sabela Bará

-Como sae Galiza Nova do proceso asembleario que rematou este domingo?

Reforzada, sen dúbida. En toda a asemblea vivimos un proceso participativo e con moitas intervencións de crítica construtiva. O peche este domingo foi na mesma tónica e desa xuntanza saímos con moito ánimo para continuar a traballar no desenvolvemento da organización e o nacionalismo. 

-A mensaxe máis repetida é a de sumar forzas da mocidade mais o vento semella non zoar a favor...

Por parte das forzas sistémicas hai unha vontade e intención de anular o nacionalismo e afastalo da mocidade mais para nós é imprescindíbel que os mozos e mozas recoñezan nos obxectivos de Galiza Nova a mellor maneira para cambiar a sociedade. Nós somos eles e elas, é dicir, os nosos problemas, as situacións que vivimos son as dos mozos e mozas deste país e por iso a proximidade, a afinidade ten que ser máxima. Para Galiza Nova é a maneira de contaxiar ilusión para defender un proxecto que é bo para o país e tamén para a súa mocidade. 

-O desemprego é un dos problemas fundamentais da mocidade. É prioridade para Galiza Nova?

O desemprego e a emigración como consecuencia foron temas de debate nesta asemblea. Unha boa parte da mocidade está marchando do país por falta de saídas laborais e para nós é fundamental que podamos ter traballo na nosa terra, que haxa esperanzas para as mozas e mozos galegos no seu país. A defensa do noso país, da nosa lingua e a nosa cultura conduce tamén cara á ese obxectivo. En Galiza Nova vivimos esa situación no día a día e confiamos na forza do nacionalismo para desenvolver as nosas potencialidades para un futuro mellor, con postos de traballo na nosa terra. 

-Decidiron tamén intensificar o traballo nas comarcas. 

Está na liña do que se leva facendo nos dous últimos anos. O traballo directo, coa mocidade de cada comarca, é fundamental para ampliar a organización. Incrementar o traballo no día a día, estar á beira dos problemas que ten a mocidade galega -que tamén son os nosos- e buscar camiños para a súa solución é a maneira de afianzar Galiza Nova nun momento de descrédito da política e vontade de anulación do discurso comprometido co país. 

-Vostede é un dos novos nomes da permanente de Galiza Nova. Que supón esa responsabilidade?

Pois seguir adiante no proxecto no que levo militando dous anos. Decidín entrar en Galiza Nova porque estou certa de que podemos optar a un futuro mellor e, por iso mesmo, asumo agora unha maior responsabilidade formando parte da permanente. Con gran ilusión e ganas de traballar para sumar novas forzas ao nacionalismo. 

Comentarios