18-F

Rueda pon o foco no turismo e pide "vantaxes fiscais" desde 2025 para o Xacobeo 2027

O candidato do PP e actual presidente da Xunta non se "fecha" a estudar unha taxa turística, mais condicionada a dous aspectos: que o que se recade "repercuta no sector turístico" e que "conte co consenso" do mesmo, así como "ser un pouco lóxicos" no que respecta aos excursionistas.
Alfonso Rueda, esta terza feira, nun almorzo organizado polo PP en Santiago. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, esta terza feira, nun almorzo organizado polo PP en Santiago. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, anticipou a súa intención de demandar ao Goberno estatal "vantaxes fiscais" desde o ano próximo co foco posto en favorecer os patrocinios ligados ao Xacobeo 2027. O aspirante popular argumentou que os anos previos e posteriores á cita xacobea adoitan ser os que xeran "máis expectación".

Nun almorzo cuns 600 participantes en Santiago, Rueda reivindicou a importancia do turismo e defendeu que na Galiza se actuou de forma "hábil" para "saír do 'shock' pos pandemia, buscando un posicionamento de terra "amábel e acolledora" que recibe "cos brazos abertos" o visitante. Neste punto, e aínda que se mantén aberto a estudar a implantación dunha taxa turística, alertou do risco de promover discursos de "turismofobia".

"Non é bo dicir que non pode vir máis xente, porque Galiza pode pasar de ser considerada un lugar amábel a un sitio antipático. Moitísimo coidado con iso", manifestou, aínda "consciente" de que na capital galega hai que regular "con moito sentido e cabeza os usos turísticos". Por iso, reiterou que el non se fecha a estudar a implantación dunha taxa turística —que requiriría unha regulación a nivel galego—, aínda que remarcou que é unha proposta que "só realizou o Concello de Santiago", aínda sen concreción, e que habería que perfilar os detalles para que puidese materializarse.

En concreto, advertiu que debería cumprir "dúas condicións": que o que se recade "repercuta no sector turístico" e que "conte co consenso" do mesmo, e "ser un pouco lóxicos" no que respecta aos excursionistas. "Temos que ter a cabeza suficiente e pensar que non é moi xusto que pague a xente que vén a un hotel e fai o gasto da noite, pero que o desembarco de autobuses non ten ningunha repercusión", esgrimiu.

Desgravacións para os patrocinios

"Non me nego a esa formulación, pero pensando en que non podemos mandar unha mensaxe de saturación", remarcou, nun escenario no que tamén subliñou que o Xacobeo de 2027 —e os dous "seguidos" que virán logo— marcarán unha década na que Santiago tornará en "epicentro cultural".

A este respecto, augurou que haberá oportunidades chave no ámbito deportivo, polo que apelou a promover os patrocinios e, após lembrar que as desgravacións se cortaron no segundo exercicio do último Xacobeo bianual, anticipou a súa intención de demandar ao Goberno vantaxes fiscais xa desde o ano que vén. "Imos loitar por iso", garantiu.

Coordinación aeroportuaria, peaxes e sanidade

Na súa intervención, Rueda tamén advertiu que a coordinación aeroportuaria é "unha materia pendente" e remarcou que Aena debería ter, nese punto, "un papel chave". "Seguir facendo cada un guerra pola súa conta e non pensar no futuro aeroportuario da Galiza é un erro, pero é moi difícil facelo cando hai liñas con apoios de administracións", reflexionou.

Tamén se pronunciou sobre o debate das peaxes da AP-9 e da AP-53, e a "gratuidade" comprometida polo PSOE, para manifestar que "sería fantástico se fose verdade" e reivindicou a aposta do seu Goberno por "investimentos en infraestruturas sanitarias". "Todas as cousas que se din sobre unha sanidade terceiromundista non son verdade", sentenciou, moi crítico cos "plans de choque milagrosos" que ofrecen os seus rivais políticos.

Santiago

O encargado de abrir o almorzo, no que tamén estaban o número dous do PP na Galiza, Paula Prado, e o presidente provincial do PP da Coruña e vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, foi o portavoz local, Borja Verea, quen salientou o papel de Santiago como "capital emocional" da Galiza, así como o "compromiso" de Rueda coa cidade.

E cando este tomou a palabra tamén deixou compromisos para a cidade. Entre eles, comprometeuse co impulso dunha piscina olímpica no complexo deportivo de Santa Marta, para facilitar as competicións de alto nivel. Pero tamén deixou sobre a mesa a intención de promover a rehabilitación integral do Salón Teatro e o impulso dun centro integrado de Formación Profesional (FP) ligado á área de ciencias da saúde. Ao fío deste compromiso, explicou que na Galiza hai uns 2.000 estudantes de FP vinculados ás ciencias da saúde e remarcou a aposta por desenvolver en Compostela "un dos polos de FP sanitaria" máis importantes, que se complementaría co universitario.

En canto ao estatuto de capitalidade, ao que a Xunta destina 2,4 millóns de euros, Rueda defendeu que considera que se dá "un trato xusto", e lembrou que, como trasladou á alcaldesa, Goretti Sanmartín, está "disposto" a considerar un aumento da cantidade.

Comentarios